Elena Ojea, a primeira investigadora galega en obter unha bolsa do Consello Europeo de Investigación, volve a Galicia grazas ao programa Oportunius
O presidente da Xunta, acompañado polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, mantivo un encontro coa científica de Nigrán e con outros dous investigadores galardoados con apoios ERC, o físico de partículas Diego Martínez e o químico molecular Javier Montenegro
Ojea, especialista en cambio climático, traballaba ata agora no País Vasco e se incorporará á Universidade de Vigo
A investigadora vén de acceder á prestixiosa Starting Grant do Consello Europeo de Investigación e o seu proxecto mobilizará 1,5 millóns de euros no próximo lustro, impulsando a creación de emprego cualificado
É a segunda fichaxe galega no marco do programa Oportunius, tras a incorporación de Diego Martínez
O Goberno galego aspira a facer extensible esta aposta pola atracción de talento a outros investigadores, como é o caso de Javier Montenegro, que xa foi asesorado pola Xunta para gañar a bolsa ERC
O Oportunius busca atraer máis de 30 millóns de euros en apoios ERC ata 2020 para desenvolver liñas pioneiras en Galicia
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro con Elena Ojea, co físico de partículas, Diego Martínez, e o químico molecular, Javier Montenegro
Foto: Conchi Paz
Infogauda / Santiago de Compostela
A primeira galega en obter unha bolsa Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC polas súas siglas en inglés), a nigranesa Elena Ojea, desenvolverá en Galicia o seu traballo sobre o cambio climático grazas ao programa da Xunta Oportunius, que busca atraer a Galicia ao mellor talento científico, e ao esforzo da Universidade de Vigo. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro tanto coa propia Ojea como con outros dos galegos tamén apoiados por bolsas Starting Grant do ERC: o físico de partículas Diego Martínez, e o químico molecular Javier Montenegro.
Conde lembrou que Martínez foi a primeira fichaxe de Galicia no marco do programa Oportunius, e adiantou que Ojea se incorporará á Universidade de Vigo, tras traballar durante varios anos no centro BC3 do País Vasco. O seu proxecto mobilizará 1,5 millóns de euros no próximo lustro grazas ao apoio do ERC, impulsando a creación de emprego cualificado derivado da composición do equipo de especialistas que axudarán na súa labor á científica galega.
O conselleiro subliñou que o Oportunius configúrase como unha gran oportunidade para reter, recuperar e captar aos mellores investigadores, de cara a que desenvolvan a súa carreira en Galicia e atraian o investimento que supoñen as ERC; para formar a científicos con potencial para conseguir estas bolsas europeas; e para incorporar talento ás pemes, mellorando a competitividade do tecido produtivo.
Unha aposta polo talento innovador que, sinalou o conselleiro, o Goberno galego aspira a facer extensible a outros investigadores, como é o caso do propio Javier Montenegro, que foi asesorado pola Axencia Galega de Investigación para presentar a súa candidatura á bolsa ERC.
Conde destacou que xunto á contratación de Diego Martínez e Elena Ojea polas universidades de Santiago e Vigo, o Oportunius ten permitido xa colaborar con 8 investigadores galegos finalistas e, polo tanto, con potencial para acadar unha bolsa ERC; así como fomentar a participación nas mesmas a través de obradoiros de formación e informes de asesoramento dos que se teñen beneficiado máis de 70 investigadores. O programa Oportunius conta con 5 millóns de euros para atraer máis de 30 millóns de euros en apoios ERC ata 2020 que permitan desenvolver liñas pioneiras en Galicia.

Ningún comentario:
Publicar un comentario