3 de xan. de 2016

GALICIA

Turismo de Galicia organizou o pasado ano 31 viaxes de familiarización nas que participaron 214 prescritores entre xornalistas e operadores turísticos 

Os participantes nestas accións de promoción pertencen a 17 nacionalidades distintas 

No ano 2015, neste programa de visitas participaron 94 xornalistas e 120 axentes de viaxes

Participantes en viaxes de familiarización turística

Infogauda / Santiago de Compostela

 Organizadas por Turismo de Galicia, o pasado ano tiveron lugar na Comunidade galega 31 viaxes de familiarización turística, un xeito de promover o destino que se basea no coñecemento ‘in situ’ da oferta e os servizos.  

 Estas viaxes teñen, por un lado, unha grande importancia para os axentes de viaxe, porque poden prescribir o destino cun mellor coñecemento, e, por outro, un gran valor publicitario para o territorio receptor cando os seus atractivos e recursos turísticos son difundidos mediante reportaxes e informacións variadas nos medios de comunicación.  

 Estas viaxes trouxeron a Galicia o ano pasado 214 persoas, entre as que se inclúen xornalistas e operadores turísticos. Os representantes dos medios de comunicación foron 94, mentres que os operadores turísticos acadaron a cifra de 120 persoas.  

 Canto ao número de viaxes, 7 foron viaxes nas que participaron operadores turísticos e 14 foron press trip, viaxes para xornalistas.  
Orixe dos participantes 
 Con respecto á orixe dos participantes nas viaxes de familiarización organizadas por Turismo de Galicia en 2015, estes procedían maioritariamente do mercado internacional, 201 persoas, e 13 viaxeiros españois. Deste xeito, Turismo de Galicia organizou 29 viaxes de familiarización para xornalistas e operadores turísticos do exterior, e dúas para profesionais nacionais.  

 Ademais de España, con dúas viaxes, Turismo de Galicia organizou en 2015 seis viaxes para 32 persoas, do mercado alemán; dúas viaxes para 14 persoas, do mercado polaco; unha viaxe para unha persoa, do mercado británico; dúas viaxes para tres persoas, do mercado de Canadá; unha viaxe para unha persoa, do mercado finlandés; tres viaxes para 11 persoas, do mercado dos Estados Unidos; unha viaxe para seis persoas persoas, do mercado de Arxentina; unha viaxe para dúas persoas, do mercado sueco; dúas viaxes para 15 persoas, do mercado de Singapur; unha viaxe para unha persoa, do mercado frnacés; dúas viaxes para 14 persoas, do mercado chinés; dúas viaxes para seis persoas, do mercado holandés; dúas viaxes para dúas persoas, do mercado belga; unha viaxe para 76 axentes, do mercado portugués; e unha viaxe de seis persoas, para o mercado brasileiro.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario