ACTO PÚBLICO ABERTO DE NÓS-CANDIDATURA GALEGA EN TOMIÑO
Nós - Candidatura Galega /Tomiño
Nós somos a candidatura do País. A garantía de que Galiza vai ter voz propia, a forza que ecoa de forma colectiva un futuro de seu. Na outra cara están todas aquelas persoas e organizacións (BNG, Coalición Galega, FOG, Partido Galeguista, PCPG) que decidiron sumar forzas en NÓS, que creron que o país merecía altura de miras e volveron estreitar as mans, a se encontrar no mesmo camiño, a sementar de novo ilusión porque, ben o sabemos, é moito o que está en xogo.
Dende Nós - Candidatura Galega desexamos que todas e todos participemos neste proxecto común que nace con vontade de medrar, co desexo de enlazar os brazos nunha cadea humana inmensa, en que as cuestións sociais e nacionais pasen a primeiro termo, no desexo dunha sociedade máis xusta e igualitaria.
Para iso facemos un chamamento á toda a veciñanza do Baixo Miño a que acudan este sábado ás 20:30 ao acto público aberto convocado na Casa da Cultura de Tomiño. Contaremos coas intervencións de Sandra González (alcaldesa de Tomiño), Míriam Rodríguez (candidata ao Congreso), Miguel Anxo Fernández Lores (alcalde de Pontevedra e candidato ao Congreso) e Carme Adán (cabeza de lista pola provincia de Pontevedra).
(R.)

Ningún comentario:
Publicar un comentario