22 de dec. de 2015

PONTEVEDRA

O Museo de pontevedra complementa a exposición de Virxilio Vieitez con cinco conferencias sobre a súa traxectoria e a súa obra 

O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, será o encargado de abrir este ciclo o vindeiro 13 de xaneiro 

Infogauda / Pontevedra

 "Un fotógrafo de Galicia para América" é o título da conferencia que dará inicio ao ciclo de charlas para afondar na obra e na figura de Virxilio Vieitez con motivo da exposición sobre o fotógrafo de Soutelo de Montes, que acolle o Museo de Pontevedra ata o 7 de febreiro de 2016. Esta primeira conferencia correrá a cargo de Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega e catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela.  

 O ciclo continuará o 14 de xaneiro cunha charla a cargo de Manuel Sendón, profesor de Historia da Fotografía da Universidade de Vigo, que falará sobre "A fotografía de Virxilio Vieitez. Do carné ao Museo". O 19 de xaneiro será Miguel Fernández-Cid, director da Fundación Gonzalo Torrente Ballester, o que diserte sobre "Virxilio Vieitez. As imaxes e o ruído", e o 20 de xaneiro o escritor Suso de Toro falará sobre "O fotógrafo dun tempo salvaxe". O ciclo finalizará o 21 de xaneiro cun diálogo que leva por título "Virxilio Vieitez: a súa obra e o seu tempo" e no que participarán o fotógrafo Miguel Vidal, o historiador e crítico de arte Ramón Rozas e o director do Museo provincial, Carlos Valle.  

 Todas estas charlas terán lugar ás 20:00 horas no Auditorio do Sexto Edificio do Museo e a entrada será libre ata completar o aforo. A través desta serie de palestras e conversas desde o Museo provincial promóvese o coñecemento ao redor da traxectoria de Virxilio Vieitez, afondando na súa obra, no que representa a súa figura como profesional da fotografía nun contexto histórico determinado, sobre todo nas décadas de 1960 e 1970, e nunha contorna xeográfica con marcado carácter rural.  

 A exposición de fotografías de Virxilio Vieitez foi aberta ao público no Museo provincial o pasado 10 de decembro e desde a súa apertura xa contabilizou 1.434 visitas. A mostra recolle 118 imaxes de encargo, entre as que destacan as destinadas aos emigrantes galegos na diáspora americana e que constituían un testemuño visual dos seus familiares en Galiza. Ademais das fotografías, a exposición tamén recolle o documental de José Luis López Linares Virxilio Vieitez. Más allá del oficio, do ano 2005.  

 Virxilio Vieitez foi un fotógrafo rural que documentaba os momentos vitais máis importantes das familias pontevedresas, comuñóns, bautizos, vodas e funerais, e que destacou pola súa extraordinaria intuición para a posta en escena. Para esta mostra levouse a cabo unha investigación que tivo en conta a práctica totalidade dos negativos datados entre 1953 e 1980 e recuperouse material inédito de caixas seladas e latas que contiñan metros de película que nunca foran positivados tras a súa primeira utilización, é dicir, tras o encargo do cliente da época. Na recuperación e selección deste legado desempeñou un papel fundamental a filla do fotógrafo, Keta Vieitez.  

 Esta mostra remata o seu periplo no Museo de Pontevedra tras un itinerario de cinco anos por distintos espazos expositivos do Estado, entre os que destacan o MARCO de Vigo, o Espazo Fundación Telefónica de Madrid, a Fundación Provincial de Cultura da Deputación de Cádiz, a Hospedería Fonseca de Salamanca e a Biblioteca Pública do Estado de Zamora.

Ningún comentario:

Publicar un comentario