A Deputación de Pontevedra organiza xornadas formativas sobre Novas Tecnoloxías para impulsar a competitividade do persoal traballador autónomo e as pemes
A través do Centro Provincial de Asesoramento Empresarial (CPAE 2.0) a Deputación asesora persoal traballador autónomo e pemes da provincia e impulsa o emprego das tecnoloxías para innovar e aumentar a produtividade
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra, a través do CPAE 2.0, unha rede de centros atendidos por persoal técnico especializado en novas tecnoloxías, presta un servizo de información a persoal traballador autónomo e a pemes da provincia de Pontevedra, ofertando unha serie de actuacións para potenciar o desenvolvemento económico da provincia a través das tecnoloxías, aumentar a produtividade, introducir a innovación dos procesos produtivos e os servizos, facilitar a implantación do comercio electrónico e crear unha nova canle de venda en liña de produtos e servizos.
Para acadar os seus obxectivos o CPAE 2.0 ofértalle a un colectivo integrado por 64.000 autónomas, autónomos e pemes da provincia de Pontevedra, que constitúe o 92 % do noso tecido empresarial, unha serie de eventos informativos nos seus seis centros de Lalín, Cambados, Pontevedra, Vigo, Ponteareas e O Porriño.
En concreto a Deputación organiza o curso Smartphone: Android e iOS (21 de decembro, ás 19:00 horas, en O Porriño e 23 de decembro, en Lalín), impartido pola técnica superior en Fotografía pola Escola de Arte e Deseño Mestre Mateo, Nirioxis Rodríguez, co obxectivo de sacar partido aos teléfonos intelixentes para compartir imaxes do negocio a través de redes sociais, aforrando tempo, recursos e esforzo.
Rendibiliza o teu Perfil Profesional Aumentando Seguidores é outra das propostas formativas da Deputación (21 de decembro, en Ponteareas), impartido por Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresariais pola Universidade da Coruña e enxeñeira técnica en Informática de Xestión pola Universidade de Vigo. Neste obradoiro abordaranse cuestións coma a importancia dunha imaxe de marca en internet, as redes sociais, técnicas para aumentar o número de persoas seguidoras, imaxe e reputación en internet ou publicidade en redes sociais, entre outros.
Tamén se impartirá o curso Google Analytics: Interpretación de Datos e Toma de Decisións (22 de decembro, en Cambados), a cargo do enxeñeiro informático José Luis Taboada, no que se estudarán dimensións métricas e valores, vistas, obxectivos, conversións e referencia de tráfico de campañas.
LinkedIn: a túa Rede de Networking será protagonista de obradoiros en Pontevedra (23 de decembro), Vigo (23 de decembro) e Ponteareas (30 de decembro). Neste caso Esther Garcinuño realizará unha introdución a LinkedIn e proporcionará unha serie de recomendacións para optimizar o perfil, xerar redes de contactos e crear páxinas de empresas na rede social.
O CPAE 2.0 tamén organizará un obradoiro titulado Elixe a túa Plataforma de Comercio Electrónico (Vigo, 28 de decembro, e Lalín, 29 de decembro), impartido por Pablo Sabell, enxeñeiro técnico en Informática de Sistemas especializado en sistemas informáticos. Neste evento formativo preténdese amosar ao persoal traballador autónomo e ás pemes a evolución e tendencias do comercio electrónico, as ferramentas que existen e que están á súa disposición e os aspectos clave que deben ter en conta á hora de optar por unha ou outra solución.
Ningún comentario:
Publicar un comentario