Xosé Constenla lanza o primeiro single do seu próximo disco ‘Virada por Avante’
‘A luz entre a desorde’ estará dende o día 22 nas principais plataformas de distribución dixital musical. O tema será interpretado na mesma data polo músico e poderá ser seguido en streaming dende a páxina www.xoseconstenla.com
Xosé Constenla
Laura Grandal / Santiago de Coompostela
As principais plataformas de distribución dixital (itunes, Spotify, Youtube, amazon, Movistar…) incorporarán este martes, día 22 de decembro, o primeiro single de Virada por Avante, título do próximo disco do músico compostelán Xosé Constenla.
Titulado ‘A luz entre a desorde’, trátase dunha das composicións máis intimistas das que integran o álbum, aínda que neste caso mestúrase a parte máis sentimental cun enfoque tamén de loita social. En palabras de Constenla, é “o tema que mellor recolle o meu estado de ánimo cando compuxen os temas do disco; sair da penumbra dun tugurio agochado e descubrir que a vida continua e que está aí para enchela de contido.”
Ademais do lanzamento polas canles de distribución dixital do single, Xosé Constenla tocará en acústico o tema en Bombarda Zapatería (Praza de San Agostiño, 3) ás 14:00h, actuación que se poderá seguir en streaming a través dunha ligazó colgado na web www.xoseconstenla.com.
Virada por Avante é o cuarto disco de Xosé Constenla e foi producido por Fredi Marugán (www.fredimarugan.com) e masterizado nos Staterooms Studios por Oscar Herrador (http://www.oscarherrador.eu/).
Ambos teñen traballado ao longo da súa traxectoria con artistas do panorama estatal e internacional (Ismael Serrano, Miguel Ríos, Joan Manuel Serrat, Enrique Iglesias, Compay Segundo, Antonio Vega ou Pedro Guerra, entre outros).
De ‘Virada por Avante’, que se lanzará no primeiro trimestre do ano 2016, Fredi Marugán destaca o son a ‘folk rock’ americano que desprenden os 11 temas que o integran.
DÍA: 22 de Decembro
HORA: 14.00 horas
LUGAR: Bombarda Zapatería (Praza San Agostiño, 3) SANTIAGO DE COMPOSTELA
Para seguilo en streaming: www.xoseconstenla.com
TRAXECTORIA
Nado en Santiago de Compostela en 1980, Xosé Constenla viviu unha infancia repartida entre a capital galega, Combarro e A Coruña. Os seus comezos musicais foron a través dunha guitarra que había, un tanto esquecida, na casa.
Xosé Constenla
Foi tras coñecer a obra de cantautores como Silvio Rodríguez ou Luis Eduardo Aute, alá polos comezos dos 90's, cando empezou a 'xogar' coa guitarra de xeito autodidacta. Tamén acudiu durante un periodo curto de tempo a unhas clases, que lle axudaron nos seus comezos.
Con 16 anos sacou as primeiras composicións e, tras varias actuacións no seu Instituto, foi no ano 1997 cando saiu do recinto escolar para a súa estrea coma músico nun establecemento da cidade compostelá. A taberna As Rodas (local agora chamado Fraguel Rock) foi o punto de partida dunha traxectoria musical enfocada ao público, que foi evolucionando cos anos.
Co inicio da súa etapa universitaria, Xosé Constenla afrontou un novo periodo de influencias musicais, frecuentando locales coma o Tramoia, Casa das Crechas, Momo, Fonte Sequelo, Dionisos... que aglutinaban boa parte da oferta cultural compostelá por aqueles anos. Noutro local de referencia deste circuito, o Garigolo, ofreceu concertos semanalmente durante un tempo.
Xosé Constenla
Coincidindo coa época universitaria sucedéronse escenarios sociais como as protestas de 'Non á LOU', o 'Nunca Máis' pola catástrofe do Prestige no 2002 ou o 'Non á Guerra', contra a invasión de Irak no ano 2003. A música de Constenla acompañou asembleas, nun período no que se comezou a fraguar o seu primeiro disco, moi marcado polo loita social.
A partir do primeiro traballo, comeza unha proxección estatal e aos concertos en Santiago de Compostela vanse sucedendo outros por Vigo, A Coruña, e outros territorios: Cataluña, Euskadi ou Portugal, onde comparte escenario con artistas locais. Neste período xorde o terceiro disco: Sinecismo. Un álbum cun enfoque máis persoal, que aborda estilos dende o jazz ou o country, ata o blues ou o soul.
Após ese lustro máis enfocado nas tarefas de composición que nos concertos, Xosé Constenla organizou dúas grandes xiras no outono de 2014 e na primavera de 2015, coincidindo xa esta última coa preparación do seu cuarto disco, Virada por Avante.
DISCOGRAFÍA
Quen fixo berrar o silencio, (2004)
Gravado nun estudo en Santiago de Compostela. Caracterizado polo compromiso e a loita social da época. Incorpora temas inéditos compostos entre 1997 e 2004.
Olladas dun entusiasta (2007-2008)
Gravado nos estudos PINK (Milladoiro-Ames) e producido por Ramón Feáns 'Chiri'.
Sinecismo (2013)
Álbum con 16 temas (10 novos e 6 dos dous anteriores) e que abre unha perspectiva máis persoal na música do autor. Trátase dun CD gravado en directo, acompañado dun DVD e que foi produto dunha acción de micromecenado.
Virada por avante (2016)
Lanzamento previsto para o primeiro trimestre de 2016.
Ningún comentario:
Publicar un comentario