Medio Rural autoriza o uso da marca “Pastores de Galicia” para a carne de cordeiro e cabrito producida na nosa comunidade con métodos de pastoreo
A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias comunicoulle hoxe esta decisión aos responsables da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (OVICA), que xestionará este selo de garantía
A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias cos responsables da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia
Infogauda / Santiago de Compostela
A conselleira do Medio Rural ven de informar favorablemente o regulamento de uso da marca de garantía “Pastores de Galicia” para distinguir no mercado a carne de cordeiro e cabrito producida na nosa Comunidade asociada ao aproveitamento dos recursos naturais mediante pastoreo. Este informe favorable é necesario para que a asociación poda facer o rexistro da marca na Oficina Española de Patentes e Marcas.
Así llelo comunicou a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, aos responsables da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (OVICA), cos que mantivo hoxe unha xuntanza de traballo.
Este colectivo será o titular e responsable desta nova marca, que amparará o gando nado, criado, cebado e sacrificado en Galicia. No regulamento establécese tamén que o réxime de explotación deste selo corresponderase coas técnicas e usos dos aproveitamentos dos recursos naturais en réxime de pastoreo. Neste documento recóllense as condicións de produción, elaboración e comercialización, características da carne, órganos e procedementos de control, así como de rexistro.
Datos de OVICA
A Asociación OVICA quedou constituída no ano 1994, coa agrupación inicial de trece gandeiros e a finalidade de defender os intereses deste sector. Na actualidade están asociadas a este colectivo un gran número de explotacións de ovino e caprino de toda Galicia, con máis de 45.000 cabezas reprodutoras.
A asociación está recoñecida como Entidade de Aconsellamento e Xestión e ofrece, entre outros servizos, os de xestión do contrato de explotación sustentable, programas de alimentación, reprodución e xestión técnico-económica, cursos e xornadas técnicas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario