22 de dec. de 2015

GALICIA

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, presentou hoxe o documento na Delegación do Goberno ante a Comisión autonómica de Tráfico e Seguridade da circulación viaria, integrada polas distintas administracións 

A Xunta de Galicia activará a finais de xaneiro o Plan de Seguridade Viaria 2016-2020 co obxectivo de reducir nun 50% as vítimas mortais dos accidentes de tráfico en relación co ano 2011 

Na reunión extraordinaria de hoxe os representantes de distintas administracións achegaron suxestións que se incorporarán ao texto para enriquecer a que será a folla de ruta en materia de seguridade viaria nos vindeiros 4 anos 

A conselleira salienta que se trata dun documento ambicioso, pero realista, froito do diálogo e da participación de todos os axentes e administracións implicadas 

O Plan ten en conta os cinco factores que se consideran fundamentais na seguridade viaria: o factor humano, os vehículos, as infraestruturas, a atención post-accidente e a educación

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, presentou hoxe o documento na Delegación do Goberno ante a Comisión autonómica de Tráfico e Seguridade da circulación viaria, integrada polas distintas administracións


Infogauda / A Coruña

 Ethel Vázquez adiantou hoxe que o Plan de Seguridade Viaria 2016-2020 estará dispoñible a finais de xaneiro co fin de reducir os accidentes de tráfico e minimizar os seus efectos. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, presentou hoxe o borrador do Plan na Comisión autonómica de Tráfico e Seguridade da circulación viaria, presidida polo delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva.  

 Na reunión extraordinaria da Comisión Autonómica de Tráfico e Seguridade da Circulación Viaria celebrada hoxe estiveron presentes representantes das distintas administracións: central, autonómica e locais. Así, nela participan representantes do Ministerio de Fomento e da Delegación do Goberno en Galicia, as deputacións provinciais e os concellos a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), ademais da Garda Civil de Tráfico.  

 Esta xuntanza ten como obxectivo que os membros da Comisión fagan as suxestións e achegas que consideren oportunas de cara a enriquecer o texto que guiará a acción do Goberno galego en materia de seguridade viaria dos próximos catro anos. Ao borrador elaborado incorporaranse as achegas e propostas xurdidas nesta Comisión Autonómica de Tráfico e Seguridade da Circulación Viaria.  

 A conselleira subliñou que este documento persegue dous fins prioritarios: acadar un sistema seguro e reducir ao 50% as vítimas mortais no período 2011-2020. Precisou que se trata dun Plan ambicioso, pero realista, que se pretende que sexa froito do diálogo e da participación de todos os axentes e administracións implicadas.  

 Dado que a vixencia do actual Plan de Seguridade Viaria 2011-2015 da Xunta está a piques de rematar, o Goberno galego leva tempo traballando na elaboración dun novo documento, que estará operativo ata o ano 2020.  

 Nese camiño, a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, sinalou que o primeiro paso foi xuntar e encaixar as propostas dos distintos organismos e departamentos autonómicos implicados na materia.  

 Sobre ese traballo, o Goberno galego elaborou un documento base que o pasado 30 de novembro se presentou aos distintos axentes sociais para que trasladasen as súas valoracións. Tras incorporar as propostas dos axentes sociais, redactouse este borrador do Plan, que hoxe se avalía nesta Comisión, e que define as liñas xerais de actuación en materia de seguridade viaria ata o horizonte do 2020.  

 O Plan ten en conta os cinco factores que se consideran fundamentais na seguridade viaria: o factor humano, os vehículos, as infraestruturas, a atención post-accidente e a educación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario