A Xunta de Galicia abre o prazo de solicitudes do Conecta-Peme para mobilizar 40 millóns en proxectos de innovación empresarial
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova convocatoria deste programa ao que se poden presentar propostas ata o vindeiro 22 de xaneiro As dúas primeiras edicións xa están a xerar investimentos por 46 millóns en 72 proxectos de cooperación que crearon 500 postos de traballo
Esta edición trae novidades como o apoio a proxectos de innovación en organización e mellora de procesos e a simplificación dos trámites e o aliñamento coa RIS3 e a Axenda Industria 4.0
Os proxectos presentados deberán ter por obxectivo xerar tecnoloxías novidosas pero tamén acreditar unha perspectiva de alto impacto económico para contribuír á competitividade e ao crecemento da economía galega
Infogauda / Santiago de Compostela
A Consellería de Economía, Emprego e Industria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria da terceira edición do programa Conecta-Peme, que mobilizará 40 millóns de euros a través de proxectos de innovación de alto impacto liderados por pequenas e medianas empresas galegas. O prazo de presentación de propostas permanecerá aberto ata o 22 de xaneiro de 2016.
Actívase así a maior aposta do Goberno galego pola innovación empresarial desde antes do comezo da crise, co obxectivo de reforzar a capacidade de recuperación das pemes con base no coñecemento. Nesta edición do programa, o primeiro específico para pequenas e medianas empresas galegas de perfil innovador a través dun investimento público de 25 millóns de euros a Xunta prevé impulsar máis de 50 proxectos de innovación promovidos por consorcios empresariais formados por cerca de 200 pemes galegas, coa perspectiva de que a maior parte deles implique tamén a colaboración de centros tecnolóxicos e de investigación galegos.
A nova edición do Conecta-Peme inclúe 20 medidas de simplificación e flexibilización administrativa, atendendo así á demanda das propias empresas de reducir os esforzos destinados aos procesos burocráticos. Desde o punto de vista estratéxico, as principais novidades desta terceira edición do programa son o aliñamento coas prioridades temáticas establecidas na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) e o apoio por primeira vez a proxectos de innovación en organización e mellora de procesos. Isto último responde ao aliñamento coa Axenda de Competitividade Industrial 4.0.
Nas dúas edicións anteriores, que xa están a xerar investimentos por 46 millóns en 72 proxectos de cooperación que crearon 500 postos de traballo, concentraron a maior parte dos proxectos apoiados as TIC; a agroalimentación, a pesca e a biotecnoloxía; a nanotecnoloxía, os novos materiais e as tecnoloxías de produción; a enerxía; e a saúde.
Innovacións de impacto e rendibles
O Conecta-Peme busca impulsar a xeración de solucións innovadoras a necesidades estratéxicas para Galicia, que ao tempo sexan competitivas no mercado global; mobilizar capital privado con destino á innovación; e fomentar a unión de capacidades científico-tecnolóxicas procedentes das esferas pública e privada.
Deste xeito, o programa apoia proxectos que supoñan unha innovación disruptiva ou radical e que xustifiquen un alto impacto económico, polo que se valorará o novidoso das tecnoloxías xeradas, pero ademais, e moi especialmente, a súa capacidade para xerar rendibilidade no mercado e, en consecuencia, contribuír ao crecemento económico de Galicia.
As axudas incentivan a innovación aberta para a mellora competitiva das pemes, mediante o apoio a proxectos en colaboración entre un mínimo de dúas e un máximo de seis empresas. Nesta edición incorpórase a posibilidade de incluír no consorcio a unha gran empresa, sempre que non supere a execución do 25% do total do orzamento, e unha consideración especial para os proxectos que impliquen a contratación de centros tecnolóxicos e de investigación galegos. Os proxectos terán que contar cun orzamento de entre 500.000 euros e 1,5 millóns e as axudas públicas poderán cubrir ata o 80% do total.
Ao longo das últimas semanas celebráronse talleres por toda Galicia para darlles soporte práctico ás empresas interesadas en presentar proxectos a esta terceira edición do Conecta-Peme. Estas sesións terán continuidade durante a primeira quincena de xaneiro en máis localidades para apoiar as pemes na preparación das súas propostas coas máximas opcións de éxito.
Ningún comentario:
Publicar un comentario