Inaugúrase no Auditorio de Gondomar a I Mostra de teatro afeccionado do Val Miñor e Oia
Álvaro Peralta / Gondomar
A partir do
vindeiro venres 6 de novembro o Auditorio Municipal de Gondomar “Lois Tobío”
acollerá a I Mostra de teatro afeccionado do Val Miñor e Oia. Organizado polo
Instituto de Estudos Miñoranos co apoio do Concello de Gondomar, o evento
pretende fixar os alicerces dun encontro anual que nesta ocasión congregará a
elencos dos concellos de Gondomar e Oia.
Non hai ladrón que por ben non veña,
será a obra que abrirá a mostra, a cargo do grupo Bertorella da parroquia de
Morgadáns. Dirixidos por Luis Carballo, un elenco de dez persoas porá a partir
das 21:30 horas en escena esta obra do Nobel de Literatura italiano, Dario Fo.
Todas as obras
que integran a mostra serán postas en escena por primeira vez polas delegacións
teatrais. O programa continuará o domingo 8, con Os animais do paraíso, a cargo de Xente daquí e dacolá (Mañufe) a
partir das 18 horas. O grupo O mellor de cada casa (Oia) sairá a escena con Picnic, o venres 20 de novembro ás
21:30 horas. Unha segunda obra de Xente daquí e dacolá, O
asasino anda solto, presentarase o día domingo 22 ás 18 horas.
A Xesta Vermella
(Borreiros) con Doutor de cabeceira
abrirá a derradeira fin de semana da mostra. Actuación que dará comezo ás 21:30
horas. Pechará esta primeira edición a obra
Polos pelos, da agrupación A Moura (Chaín).

Ningún comentario:
Publicar un comentario