3 de nov. de 2015

CULTURA

O Museo de Pontevedra acolle as dúas primeiras xornadas coas que remata o ano dedicado a Filgueira Valverde 

O programa continuará no Consello da Cultura Galega, na Real Academia Galega e na Fundación Barrié

O deputado provincial - no centro da imaxe - estivo acompañado polo director do Museo, Carlos Valle, polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, polo presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, polo vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Francisco Díaz-Fierros, polo presidente da Fundación Filgueira, Fernando Filgueira, e polo director de Arte e Patrimonio da Fundación Barrié, Enrique Fernández.

Infogauda / Pontevedra


 O deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, presentou as xornadas 'Filgueira Valverde na cultura galega do século XX' que se celebrarán ao longo do mes de novembro como colofón do ano dedicado ao autor homenaxeado nas Letras Galegas. Nesta edición, as xornadas non se celebrarán só na Real Academia Galega, como é o habitual, senón que contemplan conferencias na Fundación Barrié, no Consello da Cultura Galega, e no Museo de Pontevedra.  

 "Estas xornadas seguirán potenciando a figura de Filgueira Valverde como pontevedrés e afondarán tanto na impronta que o autor deixou na cidade como na influencia de Pontevedra no seu labor intelectual" afirmou Xosé Leal na súa intervención no acto de presentación, que se celebrou no Sexto Edificio do Museo. 

 O deputado provincial estivo acompañado polo director do Museo, Carlos Valle, polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, polo presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, polo vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Francisco Díaz-Fierros, polo presidente da Fundación Filgueira, Fernando Filgueira, e polo director de Arte e Patrimonio da Fundación Barrié, Enrique Fernández. 

 Xosé Leal destacou a importancia que Pontevedra ten na traxectoria de Filgueira Valverde, onde naceu e viviu unha parte da súa vida e onde desempeñou unha destacada traxectoria profesional como director do instituto de Pontevedra e, sobre todo, como director do Museo de Pontevedra, institución que situou entre os máis importantes museos provinciais europeos nos anos 40. O actual director do Museo, Carlos Valle, tamén fixo fincapé na importancia da relación do autor con Pontevedra, que será o tema sobre o que xirarán as mesas redondas que acollerá o Sexto Edificio a vindeira semana, e na repercusión do labor de Filgueira Valverde no desenvolvemento cultural de boa parte do século XX.  

 Por primeira vez desde que existe o Día das Letras Galegas, son catro as institucións que participan na celebración das xornadas finais sobre a figura homenaxeada. Segundo explicou o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, "non todos os anos se homenaxea a unha figura tan inxente como é Filgueira Valverde, e con este programa de xornadas cada institución participante tratará de afondar na relación do autor coa propia institución". Así, desde a Real Academia Galega a xornada centrarase na faceta do autor como filólogo e estudoso da lingua e nas publicacións realizadas a cargo da propia Academia. As actas resultantes destas xornadas publicaranse ao longo do vindeiro ano co obxecto de contar con nova documentación que "permitirá interpretar mellor a figura de Filgueira Valverde" asegurou Alonso Montero.  

 Pola súa banda, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou a aposta de todas as institucións presentes nas xornadas por difundir o legado deste autor desde as súas múltiples facetas, entre as que destacou a de xestor, investigador, escritor e historiador. O vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Francisco Días-Fierros, fixo fincapé na etapa compostelá de Filgueira Valverde, citando fitos como o seu papel na creación do Seminario de Estudos Galegos, na creación do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, e a súa etapa como primeiro conselleiro de Cultura da época autonómica. Desde a Fundación Barrié, o director de Arte e Patrimonio desta institución, Enrique Fernández, sinalou a relación de Filgueira Valverde coa Fundación practicamente desde os seus alicerces e as publicacións da Barrié que recollen o traballo do autor na recuperación e compilación dos cancioneiros populares, e de recollida do galego oral. Por último, o presidente da Fundación Filgueira Valverde, Fernando Valverde, agradeceu o esforzo e as actividades de difusión realizadas por todas as institucións que "contribúen a poñer en valor a súa obra e a devolverlle un recoñecemento a todo o labor institucional que realizou en vida".  

 O programa das xornadas comezará os días 10 e 11 de novembro no Sexto Edificio do Museo, coa celebración de sendas mesas redondas, ambas previstas para as 20 horas. A primeira delas versará sobre 'Filgueira Valverde en Pontevedra' e nela participarán Rafael López Torre que falara sobre a vida política, Xermán Torres de Aboal falando sobre a vida educativa, e Xosé Carlos Valle Pérez sobre a vida cultural. A segunda leva por título ' Pontevedra en Filgueira Valverde' e abordará a historia e tradicións a cargo de Xosé Fuentes Alende, as manifestacións artísticas a cargo de Xosé M. López Vázquez e a influencia de Sarmiento a cargo de Mª Mercedes Álvarez Lires.  

 O martes 24 de novembro as conferencias continuarán en Santiago,  no Consello da Cultura Galega, e os días 26 e 27 na Coruña, na sede da Real Academia Galega e na Fundación Barrié respectivamente.  

 Xosé Leal tamén aproveitou para convidar a todas as institucións presentes esta mañá no Sexto Edificio a seguir colaborando nos principais fitos culturais previstos para o vindeiro ano. Así, asegurou que "aínda que o homenaxeado no Día das Letras Galegas no 2016 non ten unha vinculación tan específica con Pontevedra como o deste ano, esperamos que se manteña a colaboración na difusión da súa obra e do seu labor cultural". Sinalou, ademais, dous acontecementos de especial relevancia previstos para o 2016 como serán a celebración do Ano Castelao e o centenario da fundación das Irmandades da Fala.

Ningún comentario:

Publicar un comentario