29 de out. de 2015

PONTEVEDRA

A punto de que a presidenta compareza ante o Parlamento de Galicia para dar conta dos datos económicos da institución provincial  

 O PP esíxelle á Deputación que reúna a todos os alcaldes de urxencia e lle explique as cifras do Fondo de Cooperación  

“É vergonzoso que ningún alcalde saiba a día de hoxe que cantidade económica se vai destinar ao fondo e que cantidade vai recibir o seu concello” 

“Se a cantidade que se lle vai destinar son os 40 millóns dos que algún deputado fala xa, mal imos. 40 millóns aos que lle hai que sumar os plans especiais para Vigo e Pontevedra”  

Ángel Moldes Martínez, voceiro provincial do Partido Popular de Pontevedra

Infogauda / Pontevedra

 O voceiro provincial do Partido Popular de Pontevedra, Ángel Moldes Martínez, esixiulle hoxe á presidenta da Deputación “que substitúa de forma inmediata a palabrería polos feitos, e que explique de forma clara a cada un dos alcaldes da provincia en que vai consistir o Fondo de Cooperación da deputación con cifras e datos económicos”.  

 A punto de aprobarse os presupostos e a punto de que a presidenta da Deputación compareza ante o Parlamento de Galicia para dar conta dos datos económicos da institución provincial, “é vergonzoso que ningún alcalde saiba a día de hoxe que cantidade económica se vai destinar a ese Fondo de Cooperación, e que cantidade vai recibir o seu concello. Un Fondo que supostamente vai recoller todas as demandas da provincia”.  

 Cabe recordarlle ao bipartito - sinala Moldes - que o cometido da Deputación son cos pequenos e medianos concellos, polo que se a cantidade que se lle vai destinar son os 40 millóns dos que algún deputado fala xa, mal imos. 40 millóns aos que lle hai que sumar os plans especiais para Vigo e Pontevedra”.  

 Moldes esíxelle a Carmela Silva que se quere presumir de transparencia, comece por reunir de forma urxente a todos os alcaldes e lle aclare as cifras económicas. A día de hoxe só hai moita escenografía e poucos feitos, que son os que importan”.  

 “Presumeu no seu momento de reunirse cos alcaldes, e aquela reunión só serviu para facer unha foto, porque non hai un alcalde que poida dar unha valoración negativa ou positiva deste novo goberno”, explicou Moldes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario