28 de out. de 2015

PONTEVEDRA

Presentaron unha moción para esixir que se mantivera, como mínimo, o compromiso do anterior goberno 

O PP consegue que o bipartito inclúa nos próximos orzamentos da Deputación a urbanización da estrada de Campelo, Poio  
Ángel Moldes recordou que as obras non se executaron no anterior mandato porque estaban pendentes de que o concello puxese os terreos á súa disposición 

A Deputación comprométese a negociar e consensuar co Concello de Poio as solucións de mobilidade e seguranza viaria  

Ángel Moldes, voceiro do Grupo Popular na Deputación de Pontevedra

Infogauda / Pontevedra

 Unha moción presentada polo grupo provincial do Partido Popular no pleno que se celebrou este mércores día 28 de outubro, na Deputación de Pontevedra arrancou o compromiso do goberno bipartito para incluír nos orzamentos próximos a partida necesaria para acometer as obras de urbanización da estrada provincial de Campelo, en Poio. O voceiro popular Ángel Moldes explicou durante a sesión plenaria que é unha estrada moi transitada, pola que transcorren a diario usuarios do centro de saúde, da escola infantil ou da igrexa. E por este motivo, consideran que a seguridade vial e a construción de beirarrúas debe seguir sendo unha prioridade para este goberno, como o foi para os populares que no anterior mandato chegaron a un acordo co Concello de Poio e a Asociación de Veciños de Campelo para investir 1,7 millóns de euros na urbanización da estrada.    

 Moldes confía en que, despois deste tempo, o alcalde de Poio xa teña avanzado nas negociacións para poñer os terreos afectados á disposición da institución. “Algo que foi incapaz de facer ata o de agora, porque se esa estrada aínda está sen urbanizar non é pola falta de compromiso do anterior presidente provincial, senón poa falta de xestión do concello”, denunciou. Precisamente, través da moción a Deputación comprométese a negociar e consensuar co Concello de Poio as solucións de mobilidade e seguranza viaria para esta estrada.  

 No pleno tomou a palabra José Currás Martínez en representación da Asociación de Veciños de Campelo, que esixiu “as medidas necesarias para dar solución a unha situación terceiromundista”, e recordou que esta parroquia ten unha poboación de 2.000 persoas que non teñen por onde andar.  

 O anterior goberno, segundo explicou Ángel Moldes, comprometérase a financiar o 70% das obras, e o Concello asumiría o 30% restantes. Incluso durante o anterior mandato se propuxo ao alcalde facer un adianto dese 30%, sen intereses, e a devolver no prazo que eles estimasen oportuno. A única condición que tiña o Concello era que debía xestionar a cesión gratuíta dos terreos precisos para acometer a obra.  

 O proxecto contemplaba o ancheamento da plataforma da estrada desde os 6-7 metros actuais ata os 12,6 metros. Dotaríase así de dúas beirarrúas, unha a cada marxe da estrada, e unha franxa de aparcadoiro, ademais de todos os servizos necesarios, coma o saneamento e abastecemento de auga e as canalizacións de telefonía e electricidade, entre outros.   
 Outros proxectos   
 Os deputados populares tamén se interesaron por outros temas e proxectos que afectan a toda a provincia durante a quenda de rogos e preguntas. Deste xeito, o voceiro Ángel Moldes trasladou unha solicitude con respecto ao campo de fútbol de Príncipe Felipe, para colocar un quiosco ou máquinas expendedoras de aperitivos e refrescos e dar resposta así a unha proposta que lle trasladaron os pais e as nais que esperan a diario neste entorno a que os seus fillos e as súas fillas rematen os seus adestramentos.   

 Por outra banda, a deputada Salomé Peña interesouse sobre o estado do proxecto que a Deputación de Pontevedra ía desenvolver na estrada de Barrantes a Leiro, para dotar de beirarrúas e mellorar a seguridade viaria no lugar dos Castaños, proxecto para o que xa contaba coa cesión dos terreos. Julio Alén solicitou un maior mantemento e o desbroce nas estradas provinciais, e pediu a máxima urxencia nas estradas de Ponte do Val-Barcia de Mera, Vilar-Mondariz e Fozara-Ponteareas. Finalmente, o deputado Luis Aragunde pediu que a Deputación de Pontevedra resolva as deficiencias na cuberta e as goteiras no pavillón do instituto Ramón Cabanillas de Cambados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario