VISTO PARA SENTENZA O XUIZO A XULIO VICENTE
Xulio Vicente - o primeiro pola esquerda -, no xuizo deste mércores, o que asistiron afectados polas preferentes e subordinadas de Santiago de Compostela, O Morrazo e O Baixo Miño
Fotos: José Luis García Portela
José Luis García Portela / Pontevedra
Perto de medio cento de preferentistas das plataformas do Baixo Miño, Compostela e O Morrazo, apoiaron coa súa presenza a Xulio Vicente, voceiro dos afectados do Baixo Miño, quen compareceu na mañá de onte 28 de outubro de 2015, no Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra, polo recurso contra unha sanción da Subdelegacion de Goberno de Pontevedra. Dita sanción de 500€, lle foi imposta trala denuncia da Guarda Civil por non comunicar unha suposta concentración, tras un xuízo de faltas contra o hoxe demandante, que tivo lugar en Baiona o 29 de Abril do 2014.
A vista polo procedemento 732/2014 comezou ás 10:05, tras agardar uns intres polo avogado do Estado. Tralo inicio da vista, a xuíza deulle a palabra a parte demandante.
A avogada de Xulio comezou solicitando a nulidade da sanción por vulneración de dereitos do denunciado e pola falta de motivación e concreción nos feitos denunciados. Na denuncia consta, como momento da infracción, as 9:30 horas do 29 de abril do 2014. Día e hora no que o denunciado comparecía ante o Xulgado de Paz de Baiona para una causa por unha falta, e polo tanto acredítase que a esa hora non podía estar cometendo a infracción denunciada.
Pola súa banda, o avogado do Estado, representando á administración demandada no presente xuízo, a Subdelegación de Goberno de Pontevedra, empezou a súa alegación expoñendo que hai unha proba de cargo contra o denunciado, que é a propia denuncia dos axentes. Ante a presunción de veracidade que se lle da á declaración dun axente da autoridade, é o denunciado quen debe demostrar a súa inocencia.
Para os denunciantes, o recorrente é quen se dirixe aos concentrados (uns 70) e lles di de ir cara á central de NovaGaliciaBanco, é o que se entrevista con director da sucursal e quen, ao saír, dilles aos congregados "Imos permanecer aquí". É o que dirixe aos demais, fala cos medios de comunicación, le un comunicado e se destaca a singularidade da conduta do recorrente respecto aos outros. Non existe un mero acompañamento. Todo iso, tralo xuízo de faltas, que se celebrou dende as 9:30 ata as 10:00. Polo tanto, interesa á parte demandada (Subdelegación de Goberno) unha sentenza desestimatoria.
A preguntas da xuíza, as partes concordan en que a cuantía da infracción é de 500€.
Chegado o momento da proposición de probas, a avogada de Xulio propón a proba documental, que consiste na citación a aquel xuízo de faltas, máis a sentenza, máis certificación da secretaria do Xulgado de Paz de Baiona. Engade, ademais, outras sentenzas por feitos semellantes aos desta ocasión.
Bieito Lobeira Domínguez - a dereita da imaxe - no decurso da súa comparecencia
Como proba testifical, a avogada demandante, propón que se admita o testemuño de Bieito Lobeira Domínguez e Xavier Vence Deza, que estiveron ese dia no xuízo en Baiona.
O avogado da Subdelegación de Goberno aporta como proba testemuñal o propio expediente sancionador. A xuíza admite as probas e manda chamar como primeira testemuña a Bieito Lobeira.
A preguntas da xuíza, Bieito Lobeira prometeu declarar a verdade, que a súa ocupación é a de Secretario de Organización do BNG e que non ten relación familiar o de amizade con Xulio Vicente, ao que coñece polas preferentes.
A avogada de Xulio fíxolle varias preguntas ás que Lobeira respostou que sí estivo no xulgado de Baiona ese 29 de abril do 2014. Que non foi convocado senón que se enterou do xuízo de Xulio Vicente polas redes sociais e que como lle parece ético estar coas causas xustas, falou con Vence e foron dende Santiago ao xuízo. A testemuña conta á avogada que Xulio non lle dixo que fora á sucursal bancaria, que non levaba pancartas nin pronunciou consignas.
O avogado do Estado preguntou á testemuña se viu que Xulio se entrevistaba cos medios de comunicación, ao que Lobeira dixo que nono lembra. Que sí que había medios de comunicación i é posible que dese entrevistas.
A testemuña declara que despois do xuízo foi con Vence e outras persoas a tomar un café. Polo que o avogado do Estado lle constata que se non estivo no percorrido ata a sucursal bancaria da rúa Carabela, non pode testemuñar que pasou polo camiño e ao chegaren. A testemuña admite que non lle consta o que pasou alí.
Xavier Vence - a dereita da imaxe - na súa comparencia
A continuación, é chamada a segunda testemuña, Xavier Vence, que fai o regulamentario xuramento ou promesa de veracidade na declaración. A preguntas da xuíza de que a que se adica profesionalmente, afirma que é profesor na Universidade de Santiago de Compostela. Con Xulio Vicente nono une relación familiar ou de amizade, pero que sí o coñece por compartir moitas actividades políticas ao longo dos anos.
Comeza a súa quenda de preguntas a avogada da parte demandante, interesándose polos motivos de Vence para ir ao xuízo. Ao que a testemuña respostou que ao enterarse acudeu para amosar a súa solidariedade con esa persoa e todos os afectados.
Non viu a Xulio organizar nin dirixir á xente que o acompañaba, senón que o seu comportamento foi o de alguén que vai a un xuízo. Comportamento discreto en relación a un acto coma ese. En absoluto o sancionado portaba pancartas ou megáfono.
A testemuña non acudiu ao banco porque despois do xuízo foi tomar un café. Non lembra consignas ao grupo de xente. si que había medios de comunicación aos que Vence fixo declaracións.
Ao avogado do Estado, Vence di que non escoitou consignas nin lembra se Xulio fixo declaracións aos medios. Preguntado por se fixo o camiño ata o banco, contesta que "En absoluto".
A xuíza deu paso á quenda de conclusións, que comezou coas palabras da avogada de Xulio.
A letrada salienta que Xulio acudiu a unha citación xudicial, que non consta que atendera aos medios, que en ningún caso convocou á xente, nin portou pancartas nin pronunciou consignas. Que a sanción di que os feitos denunciados tiveron lugar ás 9:30, e que a esa hora Xulio estaba no xuízo.
A denuncia non acredita que persoas acudiron ao banco, e que coma sempre hai inconcrecións. É unha denuncia "vaga, imprecisa e xenérica". Interesa á parte demandante a nulidade da sanción coa expresa imposición de costas á Administración.
Pola súa banda, o avogado do Estado, aclara que no texto da denuncia se especifica que os feitos se producen tras acabar o xuízo de faltas, pola conduta posterior que propicia el. Existe exclusividade da conduta e preminencia da mesma.
Os axentes recollen a expresión "Agora imos á central de NovaGaliciaBanco". Os demais seguen ao denunciado, el entra e se entrevista en nome deles. El sae e conta a negociación e di que van quedar alí. Esa conduta denunciada non foi contradita polas testemuñas, porque ambolos dous declararon que nono acompañaron ao banco e non poden precisar que pasou dende que rematou o xuízo ata os momentos no banco. Polo tanto, interesa á esta parte, a desestimación da demanda.
Lidas as conclusións, a xuíza declara rematada a vista á espera dunha sentenza.
Xulio Vicente - a esquerda da imaxe - comparecendo diante dos traballadores dos medios de comunicación social
Ás 10:33, Xulio e acompañantes saen do xulgado e, diante das súas portas, Xulio ten unhas palabras de agradecemento e lembranza por estes cáseque 4 anos de loita, que rematan con este último xuízo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario