Poetas de Irán, Israel, Xapón,Ucrania E Macedonia participarán no IV Obradoiro Internacional de Tradución Poética en San Simón
A Deputación vén de publicar a compilación do traballo realizado na anterior edición baixo o título 'Onde os alacráns'
A iniciativa foi presentada pola coordinadora do Obradoiro, a poeta Yolanda Castaño, e polo deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, que estiveron acompañados pola concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro, e pola tradutora da compilación da edición anterior, a escritora Marilar Aleixandre
Infogauda / Pontevedra
O IV Obradoiro Internacional de Tradución Poética 'Con barqueira e remador' celebrarase entre os días 19 e 24 de outubro na Illa de San Simón, e contará con autores e autoras de Irán, Israel, Xapón, Ucrania, Macedonia, Galicia e Cataluña. A iniciativa foi presentada esta mañá pola coordinadora do Obradoiro, a poeta Yolanda Castaño, e polo deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, que estiveron acompañados pola concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro, e pola tradutora da compilación da edición anterior, a escritora Marilar Aleixandre.
O obradoiro concíbese como unha iniciativa cultural pioneira en Galicia e no Estado español, no que durante unha semana os autores e autoras participantes desenvolven un traballo de tradución a candansúa lingua da obra dos demais compañeiros e compañeiras, ao tempo que se somerxen na cultura galega. Unha semana de traballo colectivo que en palabras de Yolanda Castaño supón "un auténtico máster na cultura e no idioma galego". Neste sentido, o deputado de Cultura subliñou a importancia dunha iniciativa que contempla "o galego como lingua vehicular, con relevancia cultural na tradución, e que convive en pé de igualdade coas linguas dos autores e autoras participantes".
Para difundir e facer máis accesible este traballo, a Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Publicacións, vén de editar na colección Cíes a compilación dos poemas da pasada edición, nun libro coordinado pola escritora Marilar Aleixandre e titulado 'Onde os alacráns'. A propia Marilar Aleixandre, participante na edición do ano 2014, explicou que o título, que procede dun poema de Afonso X, "fai referencia a que os poemas levan a pegada do lugar onde foron escritos, recitados ou traducidos".
O libro é unha edición bilingüe que recolle unha escolma da obra de autores e autoras en inglés, sueco, romanés, éuscaro, checo, letón e galego, que foron os idiomas propios dos participantes da pasada edición. Inclúe as versións orixinais dos poemas xunta as traducións ao galego.
'Onde os alacráns' foi presentado publicamente na tarde do xoves día 15 de outubro, nun acto no Sexto Edificio do Museo, e contou coa presenta da propia Marilar Aleixandre, de Yolanda Castaño e da deputada provincial, Eva Vilaverde. No transcurso da presentación foron recitados algúns dos poemas compilados e incluíu unha actuación musical de arpa a cargo de José Maquieira.
Participantes
Na presente edición, ao igual que nas edicións anteriores, participan sete autores e autoras que, en palabras de Yolanda Castaño "realizarán un traballo intensivo, colectivo e presencial". A autora que actuará como anfitrioa cultural e literaria será a escritora, música e filóloga coruñesa Estíbaliz Espinosa á que Yolanda Castaño cualificou como "unha das voces máis importantes da súa xeración". Desde Cataluña, concretamente desde Lleida, participa Josep M. Rodríguez. Desde Ucrania, o poeta, tradutor, ensaísta e crítico literario, Ostap Slyvynsky. Dese Irán participa a poeta, dramaturga, editora e tradutora Sholep Wopé, que actualmente vive en California. Desde Xapón chegará Yasuhiro Yotsumoto, que actualmente reside en Múnic, e desde Macedonia, Nikola Madzirov. Por último, desde Israel chegará a poeta, novelista, editora e tradutora Tal Nitzán, que é ademais a meirande tradutora de literatura hispánica ao hebreo.
Recitais poéticos multilingües
O IV Obradoiro Internacional de Tradución Poética 'Con barqueira e remador' inclúe tres recitais poéticos en Pontevedra, Vigo e Redondela, co obxecto de que a iniciativa non pase desapercibida para o público galego e poida coñecer de primeira man a obra coa que se traballa.
O primeiro recital celebrarase o mércores día 21, ás oito da tarde na Casa da Luz en Pontevedra. Neste recital amosarase tanto o traballo poético dos autores e autoras participantes no proxecto como a súa labor de tradución ao galego. Conta coa colaboración da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e ca do Concello de Pontevedra. Precisamente, a concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro, animou a todas as persoas que o desexen a asistir e aproveitar esta oportunidade única para achegarse á obra de autores e autoras de gran recoñecemento nos seus países de orixe.
O xoves 22 ás oito da tarde, o recital será no Charenton Club Cultura de Vigo, que nesta ocasión conta coa colaboración da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación. O terceiro, tamén ás oito da tarde, celebrarase no Multiusos da Xunqueira de Redondela o venres 23 e nel cada poeta recitará no seu idioma orixinal seguido das versións en galego realizadas para a ocasión.

Ningún comentario:
Publicar un comentario