21 de out. de 2015

A GUARDA

A Deputación de Pontevedra e o Concello de A Guarda establecen as bases para proxectos de futuro

Carmela Silva, presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra, asinando no libro de honra do Concello de A Guarda, en presenza do alcalde Antonio Lomba Baz

Infogauda / A Guarda

 Na primeira visita da presidenta da Deputación ao Concello de A Guarda, que tivo lugar no día de onte 20 de outubro, Carmela Silva Rego e o alcalde Antonio Lomba Baz expuxeron o novo modelo de financiamento aos municipios que puxo en marcha o Goberno provincial a través do Fondo Local, que distribuirá os recursos rompendo co clientelismo, a libre disposición e a arbitrariedade na repartición de subvencións. "É un modelo radicalmente distinto - dixo Silva -, porque co anterior fíxose un dano moi serio a moitos concellos e o caso da Guarda é un bo exemplo diso".  

 O alcalde coincidiu coa presidenta en que a desigual distribución das axudas provocou que A Guarda teña un déficit de equipamentos en comparación con outros concellos e manifestou a súa confianza e o seu desexo de que moitas das necesidades que ten este municipio do Baixo Miño poidan atopar acubillo no Fondo Local, a través do Plan Provincial de Turismo que xa estuda a Deputación ou na captación de fondos europeos aos que poidan acollerse algúns dos proxectos.  

 Con respecto ao Plan de Emprego de 2016 a presidenta da Deputación tamén recolleu a petición do Concello dunha maior flexibilidade nos criterios de duración, período de contratación ou número de traballadores en función das necesidades de cada municipio, modificacións que xa estuda o Goberno provincial para incorporar ao plan do próximo ano.

Ningún comentario:

Publicar un comentario