Este sábado 26 haberá unha xornada de voluntariado
Comezan os traballos de limpeza
no Castro de Cano dos Mouros en Viladesuso
O proxecto comeza esta semana co fin de limpar o
xacemento para poder rexistrar as estruturas visibles e facer o plano
topográfico. Este sábado 26 haberá unha xornada de portas abertas para que todo
o mundo poida participar.
Os traballos están promovidos pola Comunidade de Montes
de Viladesuso e enmárcanse dentro do proxecto Costa dos Castros que busca poñer
en valor o patrimonio da costa sur de Galicia.
A campaña de micromecenado
para axudar a Costa dos Castros segue aberta.
Xosé Gago (dereita) e Carlos Otero (esquerda) en Cano dos Mouros
Úrsula Neilson / Viladesuso (Oia)
Arrinca a segunda gran acción arqueolóxica do proxecto Costa
dos Castros. Se durante o mes de agosto os traballos centráronse no castro da
Cabeciña (Mougás), agora lle toca a Cano dos Mouros en Viladesuso. Este castro
atópase aproveitando un promontorio a aproximadamente 300 metros de altura que
domina gran parte da costa de Oia. O tipo de traballos a realizar son diferentes,
pero o espíritu é o mesmo: xestionar a gran riqueza arqueolóxica de Oia, da man
das Comunidades de Montes deste concello.
Un castro limpo é
un castro feliz
“En Cano dos Mouros plantexamos esta limpeza como un
primeiro paso” comenta Xosé Gago, coordinador do proxecto Costa dos Castros.
“Antes de nada temos que ver o que hai debaixo do toxo. Logo xa valoraremos en
anos futuros se interesa a súa escavación ou non, pero o simple feito de telo
limpo, xa facilita que sexa un elemento visitable. Un castro limpo é un castro feliz.”
A un nivel máis arqueolóxico se pretende comprobar as
similitudes que puidera ter Cano dos Mouros co castro da Cabeciña, situado a
pouco máis de 2 km en liña recta. “A simple vista, pola forma e o emprazamento
parecen castros moi semellantes” di Carlos Otero, director arqueolóxico da
intervención. “A limpeza vainos permitir comprendelo mellor, poderemos
comprobar se a muralla tamén é escalonada como na Cabeciña, por exemplo... A
limpeza é necesaria para poder rexistrar as estruturas visibles e facer o plano
topográfico.”
Esta primeira acción sobre Cano dos Mouros permitirá polo
tanto saber máis sobre as súas características ao tempo que se incide no valor
turístico do castro, situado no camiño de sendeirismo da Ruta Máxica e cunhas
vistas espectaculares sobre o océano Atlántico.
Traballo en comunidade entre romarías e postas de sol
O proxecto realízase coas premisas da arqueoloxía pública,
de aí que se busque involucrar aos veciños. Con ese fin, este sábado 26 realizarase
unha xornada de portas abertas.
A idea é que a xente poida participar ese día nos
traballos de limpeza e se disfrute dunha xornada de traballo mais tamén de
lecer. Por iso a partir das 18:30 haberá visita guiada, gaitas e postos con
empanada e cervexa artesá. “Queremos recuperar esa sensación dos traballos
comunais do agro” di Gago. “Que a xente suba cunha fouce e un angazo a axudar a
limpar o castro. Logo haberá tempo para desfrutar deste lugar máxico e a posta
de sol.”
Ao mesmo tempo quérese dotar ao lugar dunha festa propia,
unha data que se asocie con subir ao castro. Existe unha lenda arredor dunha
das pedras do promontorio no que se sitúa o castro, chamada popularmente “a
silla do Rei Sol.” Segundo esta lenda, o Rei Sol sentaría todas as tardes nesa
pedra a mirar as postas de sol. “Trátase tamén de potenciar esa lenda. O día da
festa acabaremos de entrar no outono, polo que parece axeitado prolongar a
xornada ata o solpor, e gozar cunha das postas de sol máis especiais. Queremos
despedir o verán e dar a benvida ao outono todos xuntos en Cano dos Mouros.”
A comida dos voluntarios que participen nos traballos de
limpeza correrá a cargo da organización. Quen queira máis información sobre a
xornada de voluntariado pode contactar por teléfono ao 666 435 832, escribir a costadoscastros@gmail.com ou na páxina de Facebook de Costa dos Castros.
A campaña do crowdfunding
Costa dos Castros é un proxecto promovido por catro
Comunidades de Montes (Mougás, Viladesuso, Pedrones e Oia) e apoiado polo
Concello de Oia, pero no que todo o mundo pode participar. De aí que se lanzase
unha campaña de micromecenado para que cada un poida aportar o seu gran de
arena.
Un dos proxectos que máis precisa da axuda de todos é o
do petróglifo de Auga dos Cebros, o
famoso petróglifo do barco, un elemento único en toda a costa atlántica
europea. Este tesouro arqueolóxico atópase na parroquia de Pedornes, unha das
máis castigadas polos lumes de 2006, polo que non pode facerse cargo por si
mesma desta xoia. “Dentro do crowdfunding sacamos unha liña de axuda directa
para este petróglifo. A xente pode aportar 20€ para axudar á conservación deste
elemento único e como recompensa recibe unha camiseta cun deseño exclusivo
baseado no propio petróglifo” explica Gago.
Ademais da limpeza do petróglifo, outras iniciativas de
Costa dos Castros son unha plantación de árbores autóctonas en Mougás e a
escavación do castro de Chavella (Oia) que levarase a cabo en outubro.
Neste enlace hai máis información sobre a campaña de
micromecenado Costa dos Castros e como participar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario