22 de set. de 2015

PONTEVEDRA

Ángel Moldes: “o bipartito dá marcha atrás e copia as escolas deportivas provinciais do Partido Popular”  

Ángel Moldes Martínez, deputado e voceiro do grupo provincial na Deputación de Pontevedra
Foto: G.P.

 • O voceiro popular suxire a Santos Héctor que se centre no PSOE provincial porque cando se dea conta non ten nin chaves da sede 

 • Salomé Peña toma posesión como deputada provincial o venres


Infogauda / Pontevedra

 O voceiro do grupo provincial do Partido Popular, Ángel Moldes, mostra a súa satisfacción porque finalmente o bipartito da Deputación de Pontevedra “dea marcha atrás” na súa pretensión de eliminar as escolas deportivas provinciais. Entende que esta decisión “permitirá seguir promocionando o deporte e as diferentes modalidades entre a rapazada de toda a provincia, tal e como fixo o PP nos últimos anos”. 

 Moldes explica que o bipartito “copia” o modelo que tiñan en funcionamento os populares, xa que segundo recoñeceron nas comisións informativas e en resposta a unha pregunta do propio Ángel Moldes, tanto o proceso como as condicións do proxecto son as mesmas que había ata o de agora. “Isto demostra o bo traballo que fixemos na institución provincial en materia de deportes”. Así, recorda que no curso pasado máis de 9.000 nenos e nenas participaron nas preto de 300 escolas deportivas que a Deputación de Pontevedra puxo en funcionamento en toda a provincia.

 O voceiro dos populares espera que “esta observación non provoque máis ataques do secretario provincial do PSOE”. Considera que o que debe facer Santos Héctor é pedir desculpas ás mulleres e cambiar xa o discurso. “El é quen utiliza e despreza ás mulleres se pensa que cada vez que se critica á presidenta da Deputación é por ser muller e non pola súa falta de xestión. Cando critico a alguén non me paro primeiro a pensar se é un home ou unha muller, o problema e o machista é o que fai a diferenza de sexos”. 

 A recomendación de Moldes é “que non se preocupe tanto polo PP nin polo seu voceiro, porque bastante ten con ser secretario provincial dos socialistas. Cando se dea conta, nin chaves da sede ten. Debe de ser o único secretario que non anuncia os candidatos para o congreso e o senado e deixa que o faga o alcalde dunha cidade”. 

 Salomé Peña toma posesión o venres 
 Salomé Peña tomará posesión como deputada provincial na sesión plenaria deste venres, en substitución de Rafael Louzán.

Ningún comentario:

Publicar un comentario