7 de set. de 2015

GALICIA

FEAFES Galicia e a asociación Doa celebran en Cangas o III Campionato de Pingpong para persoas con enfermidade mental
·          O torneo, no que participarán sete asociacións de toda Galicia e arredor de 50 xogadores, terá lugar o venres 11 de setembro no Pavillón de Romarigo.

·      O obxectivo do encontro é promover a actividade física entre as persoas con enfermidade mental e fomentar a práctica de ocio normalizado.




Ana Escrigas Rodríguez / Santiago

 A asociación de saúde mental Doa, xunto á Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, FEAFES, celebran o venres 11 de setembro o III Campionato de Pingpong dirixido a este colectivo.  Trátase dun encontro lúdico e deportivo no que participarán sete asociacións procedentes de toda a comunidade autónoma.

 O torneo terá lugar no Pavillón de Romarigo, en Cangas do Morrazo, de 10:30 a 14:15. Nel desenvolveranse unha serie de partidos individuais nos que se enfrontarán un total de 50 participantes. Tras a celebración do campionato, ás 14:15 terá lugar a entrega de premios, e ás 15:00 os asistentes celebrarán un xantar de convivencia no Camping Cangas da Praia de Liméns.

 As entidades organizadoras estiman que a este evento acudirán arredor de 100 persoas entre participantes e acompañantes, todos eles pertencentes a sete asociacións e delegacións de FEAFES Galicia: Alba (Pontevedra), Apem (Cee), Avelaíña (A Guardia e Baiona), Doa (Cangas e Vigo), FEAFES Santiago, Morea (O Barco de Valdeorras) e Portanova (Narón).

 O Campionato de Pingpong da asociación Doa e FEAFES Galicia ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con enfermidade mental e loitar contra o estigma social que sofre este colectivo. A través deste torneo, FEAFES Galicia amosa á sociedade a imaxe máis positiva das persoas con enfermidade mental, combatendo de modo activo os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a estas persoas.

 As actividades de ocio e deporte que organizan FEAFES Galicia e as súas asociacións membro axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental e das súas familias, pois os seus participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro ós familiares na súa tarefa de coidadores.

 FEAFES Galicia, a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que sofren problemas de saúde mental e a dos seus familiares.

 O ámbito de actuación de FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega, posúe centros e servizos en 30 localidades e conta cun total de 6.200 socios.

 A asociación Doa, entidade membro de FEAFES, leva dende o ano 1986 loitando por mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental en Vigo e dende o ano 2007 na península do Morrazo. A súa misión e promover a rehabilitación psicosocial das persoas con enfermidade mental severa e incrementar a su calidade de vida e a das súas familias. 

 Doa conta con dous centros de rehabilitación psicosocial, sete pisos protexidos, servizo de información, atención a domicilio e outros recursos cos que tentamos mellorar a saúde mental e o benestar dos nosos usuarios dende unha perspectiva centrada na persoa e as súas necesidades.

Ningún comentario:

Publicar un comentario