4 de set. de 2015

A GUARDA

A través dunha moción que presentará no pleno próximo

O Partido Popular esixe unha solución definitiva e consensuada á inseguridade vial na rúa do Porto e no paseo marítimo

Vista nocturna da rúa do Porto

Infogauda / A Guarda

 A voceira do Partido Popular da Guarda, Conchi Ortega Martínez, defenderá no próximo pleno municipal unha moción "para esixir unha solución definitiva e consensuada aos problemas de seguridade vial na rúa do Porto e no paseo marítimo ata o Museo do Mar. Os populares buscarán o compromiso do Grupo de Goberno para que se reúna con Portos de Galicia e cos hostaleiros, comerciantes e veciños da zona para buscar a mellor solución para todos a esta problemática".


 Explica o PP local que "durante todo o ano se producen incidentes pola circulación inapropiada de vehículos nesta rúa, titularidade de Portos de Galicia, que nada teñen que ver cos residentes e cos propietarios dos restaurantes e comercios, e que resulta perigoso, principalmente para os nenos que xogan ao aire libre". Neste senso, manifestan que "tanto veciños como visitantes amosan constantemente unha gran preocupación por un posible atropelo nunha zona considerada peonil".

 No que respecta ao paseo marítimo ata o Museo do Mar, denuncian que "a saturación de coches e dos aparcamentos no porto provocaron un “caos” con circulación  nesta zona prohibida, ademais do uso como estacionamento de vehículos, dunha zona de paseo.  Se chegou a que os vehículos pedían os veciños que  paseaban que se apartasen".

 Como solucións, a voceira dos populares propón varias posibilidades, pero entende que "a decisión definitiva ten que estar consensuada dende Portos de Galicia, o concello pero sobre todos polos veciños da zona". Polo que instan "o grupo de Goberno a que se produza esta reunión a maior brevidade posible".


      Rúa do Porto

 "A primeira das posibles propostas - dixo Conchi Ortega - é instalar un bolardo retráctil na entrada e saída da Rúa do Porto, accionado cun mando a distancia para acceder aos garaxes e para facilitar a carga e descarga dos particulares e  restaurantes.

 Outra das posibles medidas propostas é prohibir o aparcamento en toda a rúa, como corresponde a unha zona peonil". E, por último, tamén valoran "a posibilidade de abrir dous accesos peonís máis no paredón cara a rúa inferior, para axilizar a circulación de peóns e do persoal de reparto e subministro aos negocios da zona. Os vehículos de mercancías terían as súas zonas de carga e descarga sinalizadas á beira destes accesos. Reiteramos que só son propostas, que nós o que pedimos é convocar reunión con Portos de Galicia e afectados", afirmou Conchi Ortega.

Ningún comentario:

Publicar un comentario