O BNG en apoio do sector leiteiro na Guarda
Ángel Luis Baz Vicente: "(...) o leite utilizado como reclamo publicitario leva á ruína a moitos gandeiros (...)”.
Ángel Luis Baz Vicente - á dereita da imaxe - xunto con Benito Alonso Da Costa (Mansa) e unha paisana, durante o reparto de información na Praza de Abastos de A Guarda - Foto: BNG - A Guarda
Infogauda / A Guarda
O Bloque Nacionalista Galego realizou durante a mañá do sábado día 12 de setembro, un reparto de información na praza de Abastos da A Guarda sobre a situación que está a pasar o sector lácteo galego.
“A pesares de sermos un concello tradicionalmente mariñeiro, temos que ver o problema do leite como un problema de país”, afirmou Benito Alonso Da Costa (Mansa), membro do consello local do BNG de A Guarda.
Para os nacionalistas "a situación na que está inmerso o sector cuns prezos que obrigan a vender por debaixo do custe de produción, coa ameaza permanente das industrias de non recoller o leite, chegando a facer entregas sen prezos fixados,..., pode levar á súa práctica desaparición".
“O sector leiteiro, como o sector pesqueiro, forman parte da columna vertebral da economía deste país. Debemos defendelos se queremos seguir vivindo con dignidade, a pesar da falta de interese do goberno galego do PP”, comentou Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda.
"Para o BNG - engadiu Ángel Luis Baz - é imprescindíbel tomar medidas de urxencia para paliar a situación actual, como a intervención no mercado e garantir a recollida da totalidade do leite".
Dende o BNG sinalaron "a boa acollida que está tendo esta campaña informativa entre o público, coa preocupación por un sector maltratado polos gobernos do PP".

Ningún comentario:
Publicar un comentario