25 de xul. de 2015

A GUARDA

CONTINÚA A V MOSTRA DE TRADICIÓNS MARIÑEIRAS, NO PORTO DA GUARDA

A primeira xornada do evento congregou a decenas de persoas nas diferentes actividades

                                Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 Onte, venres 24 de xullo, celebrouse a primeira xornada da V Mostra de Tradicións Mariñeiras, organizada pola Asociación de Redeiras Atalaia e o Concello da Guarda.


 Dende ás 18:00 horas, momento da inauguración da mostra na carpa instalada no porto da localidade, foron moitas as persoas que se achegaron para desfrutar das exposicións, participar nos obradoiros e como non, escoitar a “Revista Oral” presentada por Paco Lodeiro e na que participaron diferentes veciños da localidade.

             


 Este último evento, que estivo presentado polo alcalde do municipio, Antonio Lomba Baz e que comezou ás 22 horas, contou coa participación de Carmen Barbosa, presidenta da Asociación das Redeiras Atalaia e de Rita Martínez, tamén redeira. Estas dúas veciñas da Guarda falaron do traballo, pouco recoñecido, das mulleres que elaboran e arranxan para que os mariñeiros poida saír a faenar. Ademais explicaron, por exemplo, os tipos de redes que existen e como se elaboran cada un deles e como, có paso do tempo, foron cambiando os materiais que se usan.

          


 Tamén estivo José Benito González, mariñeiro guardés que, traballou, moitos anos, nos barcos costeiros que capturaban a langosta. Como moitos outros mariñeiros comezou a ir ó mar dende neno polo que contou moitas e moi interesantes vivencias. Coa colaboración de outros mariñeiros, fixo unha demostración do amarre dos barcos no porto e de como se pode cortar un cabo ou corda sen ningún utensilio.

             

 Manuel Álvarez, autor das fotografías do libro “Gameleiros” tamén participou nesta charla e falou da importancia da gamela ó longo das décadas no municipio.

 Os veciños Brito e Celestino, expertos en embarcacións, explicaron por exemplo as similitudes da “masseira ancorense”, pertencente a Vila Praia de Âncora, localidade portuguesa, coa gamela galega.



             

 Todo isto estivo amenizado polo grupo “Pandemonium”, grupo de música tradicional.


          

A pesar de que este foi o evento que máis xente congregou, ó longo da tarde as exposicións instaladas tanto na carpa coma na nave de redeiras tiveron moita afluencia de público. Foron moitos os veciños que se achegaron para coñecer as fotografías de Manuel Álvarez ou para, a través dos paneis de Aurora Rego, coñecer a “Familia de pescadores de ascendencia galega”.

           


 Moitos nenos divertíronse nas pequenas embarcacións colocadas nunha piscina lúdica ou remando nas máquinas.

         


 Rapaces e maiores gozaron observando o obradoiro de vidro.


A xornada de hoxe

 Hoxe, sábado 25 de xullo, coincidindo co Día de Galicia, o evento continúa. Ademais de estar abertas todas as exposicións e tamén a taberna mariñeira, dentro da carpa, haberá moitas actividades novas.

 Pola tarde estarán abertos diferentes obradoiros, como o de cestería ou cordería, e o de foguetes de auga.

 Así, polo paseo do Porto estará instalado un mercado mariñeiro e haberá diferentes xogos populares para o desfrute de nenos e maiores.

 Os restaurantes do Porto ofrecerán pratos de cociña mariñeira tanto á hora de xantar coma á da cena e, ás 22,30 horas, comezará, na carpa, o Serán Mariñeiro. Esta actuación congregará a moitos grupos de folclore no escenario e animará a mostra ata ben pasada a media noite.

 O domingo, a V Mostra das Tradicións Mariñeiras pechará có obradoiro “Ponlle as pilas ó teu bocata”, que comezará ás 19:00 horas e está dirixido a rapaces de entre 4 e 14 anos, e coa actuación do grupo “Pelepau”, que dará comezo ó seu directo ás 21:00 horas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario