13 de xul. de 2015

A GUARDA

CLAUSURA DO CURSO “SEMENTA O TEU FUTURO: DINAMIZACIÓN DE EMPREGO” E PRESENTACIÓN DE NOVOS PROXECTOS

Vista parcial da aula onde tivo lugar a clausura do curso

Infogauda / A Guarda

“As miñas expectativas eran altas, é a verdade é que se superaron”. Con esta frase, Estela Fernández, unha das alumnas do curso  “Sementa o teu futuro: dinamización de emprego” resumía o que para ela fora este mes de formación.

A valoración final de todo as persoas que formaron parte deste curso, tanto alumnos coma mestres, organizado pola OMIX do Concello da Guarda, é moi positiva. O obxectivo marcado para esta formación era mostrar e ensinar ó alumnado novas maneiras de buscar traballo, quitarlle os medos ás posibles negativas e apoialos na creación dun novo proxecto, finalidades que se cumpriron notablemente.

“Para min o máis útil e positivo foi a maneira na que me axudaron a quitar o medo que eu tiña a mandar o meu currículo, por exemplo, a un gran medio de comunicación”, afirma Bárbara Domínguez, de 23 anos licenciada en políticas e estudante dun ciclo de Turismo e Hostalería. “O que máis me gustou do curso é que foi unha actividade enfocada individualmente. O reforzo persoal que nos deron foi moi positivo e entendo que a todos nos servirá para o noso futuro”, conta Pablo Martínez, de 43 años, en paro e con estudos de electricidade.
Continuidade nun futuro
 O Concelleiro de Formación e Emprego, Javier Crespo, visitou ós alumnos o penúltimo día de clase para, ademais de clausurar a formación dunha maneira formal comunicarlle boas novas. Crespo, quen se mostrou moi contento polas valoración cara o curso, afirmou que o que se busca dende o Concello é que esta formación teña unha continuidade. “O que buscamos é tratar de formarvos, de sementar o voso futuro e continuar axudando para que podades concretar proxectos”, díxolles o concelleiro.

Todas estas metas, concretou, se lograrán coa segunda fase deste proxecto. “A idea que temos é que en setembro se lle de unha continuidade ó curso. Que podamos facer outra formación de máis duración onde se fagan titorías individuais e de onde se poidan sacar proxectos e se materialicen”, afirmou Crespo.

 O xerme desta nova iniciativa está no grupo de persoas que formaron parte deste primeiro curso e que serán, se eles queren, alumnos do segundo. Nesta continuidade, na que contarán cos mesmos profesores que xa coñecen os seus perfís e inquedanzas, o que se busca de novo é fomentar o emprego e a inserción laboral.

“Todo isto é moi positivo. Coñecer xente e as novas formas de buscar emprego sempre axuda”, contaba Elia Alonso, de 50 anos en paro, tras coñecer a noticia da continuidade do curso.

María Placer Pousa, tamén alumna en paro, e de 53 anos, afirma estar contenta mais un pouco reticente a montar un novo negocio. “Dinos que hai moitos pros pero penso que deberían falarnos máis dos contras”, conta Pousa.

 A maioría das persoas que formaron parte deste primeiro proxecto de dinamización para o emprego afirman estar ilusionados coa segunda fase, unha nova iniciativa moito máis individualizada que o que buscará será axudar nas dúbidas concretas de cada alumno ou alumna.

“Eu xa me levo moitísimas cousas deste curso, formación que teño que madurar en casa e sacarlle todo o xugo que ten”, dicía Estela Fernández. E continuaba, “falando co resto de compañeiros cremos que este segundo proxecto será moi positivo para todos nós, despois do verán e despois de madurar as nosas ideas voltaremos con máis ganas”.

 O Concelleiro de Emprego e Formación afirmou que, a pesar de que aínda quedan cousas sen rematar, o xerme do novo proxecto está e que “as ganas” tamén.

Ningún comentario:

Publicar un comentario