23 de xuño de 2015

GOIÁN

RECANTO DA ARTE

CARLOS FERNÁNDEZ, ESCULTOR DE GOIÁN, MATRIA DE GRANDES ARTISTAS

                                   O escultor Carlos Fernández, no seu estudo de Tollo (Goián)
                                                     Foto: Santiago Baz Lomba


Ricardo Rodríguez Vicente / Goián


 Entrando en Goián, o visitante desprevenido váise atopar con innumerables motivos que van facerlle sentir gratas experiencias sensoriais: A beleza da paisaxe  miñota, a familiaridade e o xeito de viver das persoas goianesas,..., e sobor de todo, á constatación de estar nunha matria que ten dado unha boa mostra de creadores en diferentes disciplinas da Arte.

  Se o visitante xa conta con información previa, sabe que Goián é, sen lugar á dúbidas, unha localidade de referencia cultural na comarca do Baixo Miño. Polas rúas e camiños de Goián, aínda soa no alén comunicante, o camiñar paseniño do amigo Eliseo Alonso Rodríguez, o escritor, etnógrafo, poeta e xornalista que o compás do Pai Miño, situou prosística e poéticamente, esta comarca, nos principales medios de comunicación, tanto escritos como audiovisuais.

 En moitos recunchos da matria goianesa, relembramos tamén ás figuras de Xoán Piñeiro Nogueira e Xavier Pousa Carrera, dous auténticos mestres, cada ún na súa vocación. O de Nerga (Cangas), na escultura, con estudo-vivenda en Goián, e Xavier con fondas raigames no seu pobo natal, ao que voltaba sempre, porque endexamais se fora. Tanto un como o outro, tiveron a fortuna de disfroitar coa presenza e á amizade de Antonio Fernández Gómez, quen nos deixou un inmenso legado de beleza reflectida nos seus cadros.

 Goián ten un inigualable sustrato humano e medio ambiental, dous valores que soubo apreciar Magín Xulio Picallo Durán, un escultor que aínda hoxe se resiste a deixar de lado ás ferramentas coas que ten creado innumerables obras de Arte, e moitas veces, no seu obradoiro preto dos sobreiros de San Roque, baixando deica o río, escoitamos os sons da súa maceta e do seu cincel, acariñando á pedra da que xurdirá un manantío de beleza. 

 Hai, evidentemente, moitos máis artistas neste Goián pródigo en creadores. Algúns, como Carlos Fernández, veciño de Tollo, nº 68, con obradoiro a carón de un carballo centenario, xa conta con unha moitedume de exposicións, tanto individuais como colectivas, e ten, si por ben é, como así desexamos, todo un mundo de proxectos escultóricos por abordar.

  Co gallo da primeira mostra individual, que Carlos Fernández fixo en 1995, na Sala de Arte Caixa de Pontevedra, relembramos as verbas de Eliseo Alonso: "Nas obras desta mostra de Carlos Fernández podemos apreciar unha manifesta evolución dende as máis realistas a estas máis recentes e morosas que semellan cinceladas pola lus.

 Na serie de esculturas redondeadas, polidas polo sentemento, atopamos un senso dinámico nas que o espíritu da materia, pedra, madeira, mármore, vaise por unha dimensión máis creadora, sentetizada nun aberto proceso de expresiva simplicación (...)".

  "(...) Nos retratos. xénero sempre máis realista, Carlos Fernández vai logrando esa difícil calidade, onde aparte da fisionomía do retrato, xunta a súa caractirización anímica, xa que o retrato, tanto na escultura como na pintura, e a proba de fogo do artista e nele hai que saber a perfección o oficio e logo ter bó ollo plástico.

 Carlos Fernández recrea a realiade da súa variada temática, nos ritmos que acentúan o contorno das súas formas e os xestos das figuras traballadas con tenrura, podendo nalgunhas albiscarse a boa inruencia do mestre Piñeiro. Pero ele segue na procura dunha figuración propia que sinale a autenticidade da obra na que o material séntese dentro da forma, nese intre no que as figuras cobran vida propia. Sensibilidade que valoriza o labor deste escultor que xa vai acadando a súa voz no creativo mundo das formas e dos volumes". 

 Pola súa banda, Cuqui Piñeiro, filla do escultor Xoán Piñeiro, afirmou: "Carlos Fernández é un escultor modelado por el mesmo.

 Ésta, cicais, pode ser a mellor definición dunha persoa que entra no mundo escultórico da man do traballo humilde e discreto da pura experimentación e sensibilidade.

 Nace en Goián en 1966 e comenza a súa iniciación en 1985 con Magín Picallo, co que traballa durante seis anos.

 Descubre que o barro desperta unha chea de recursos plástico. É ben certo que o modelado é o primeiro, o mais puro e excelente contacto coa materia, invita a percibir a "realidade" a través dos nosos propios sentidos.

 Parece todo como un proceso intituivo e, en gran medida é aí onde reside o seu segredo (...)".

  "(....) As referencias artísticas máis próximas e moi elocuentes porque parte do seu entorno habitual, Picallo, Antúnez e sobre todo Xoán Piñeiro, de quen recolle estudio de cabezas, modelos e formas, ata chegar a punto donde resolve influencias e identificación personal (...)".

  Cuqui Piñeiro afirma igualmente: "(...) Carlos Fernández é metódico e perfeccionista no traballo, humilde e ambicioso nas pretensións e intelixente e honesto nos resultados.

 De aí que teñan unha boa acollida por méritos propios".


 Carlos Fernández coñece ben ás técnicas da escultura e os segredos dos materiais. Boa proba son ás obras que ten feito e as encargas que ten atendido. Hai, como vemos, relevo xeracional na Arte do Baixo Miño. Carlos Fernández é un bo expoñente dese relevo que chega, na procura da continuidade dunha traxectoria comezada polos maiores. O pobo Goián foi, e seguiráo sendo, berce de artistas.

 Rematamos por hoxe, agradecéndolle a Carlos Fernández súa amabilidade, o abrirnos as portas do seu obradoiro, onde o fotógrafo guardés Santiago Baz Lomba coñeceu de preto á obra deste xoven escultor, e que agora nos amosa súa reportaxe fotográfica.

  GALERÍA DE IMAXES, DA AUTORÍA DO FOTÓGRAFO SANTIAGO BAZ LOMBA

Ningún comentario:

Publicar un comentario