11 de xuño de 2015

GALICIA

RODAS: “FEIJÓO FOI A BRUXELAS A TAPAR AS MISERIAS QUE DESCUBRIU O BNG”    

Daniel Rodas afirmou que o Presidente da Xunta non “fixo ningunha xestión para resolver os problemas da pesca galega”,  foi a Bruxelas só a convidar ao Comisario de Pesca, Karmenu Vella  a facer unha visita turística a Galiza 

Daniel Rodas escoita a intervención do secretario xeral do Mar

Infogauda / Santiago de Compostela

 O deputado do BNG, Daniel Rodas Chapela, formulou onte xoves día 11 de xuño, unha pregunta na comisión de Asuntos europeos relativa ás xestións realizadas polo Presidente da Xunta na súa visita a Bruxelas.  

 Para o deputado, “Feijóo foi a Bruxelas a tapar as miserias que descubriu o BNG” en relación á visita realizada polo colectivo de traballadores do xeito convidados pola portavoz do BNG no Parlamento europeo, Ana Miranda onde tras  entrevistarse con diferentes técnicos comprobaron que a Xunta non realizara ningunha xestión para modificar o actual reparto de cotas que prexudica á flota pesqueira galega, nin sobre a  política de despezamentos fronte a unha maior capacidade para pescar ou denunciar a falta de competencias nos recursos pesqueiros.  

 Para o deputado, o Presidente da Xunta non defendeu en Bruxelas o sector da conserva, non solicitou a expulsión dos produtos da pesca dos acordos comerciais con terceiros países nin reclamou unha etiquetaxe de orixe para os produtos da pesca transformados, polo que volveu preguntar a qué foi Núñez Feijóo a Bruxelas?  Rodas lembrou que a alarma saltou cando foi publicado o plan de xestión da sardiña que “negaba o dereito a poder pescar ao xeito” e a Federación de Confrarías remitiu un informe para xustificar a “escasa incidencia que este arte ten sobre o recurso”. O 3 de novembro, explicou, o colectivo de traballadores do xeito, convidado polo BNG, tivo a oportunidade de entrevistarse coa poñente de Medio Ambiente, Renata Briano e o poñente da Comisión de Pesca, Marco Afronte, confirmando ambos  que tanto o Goberno do Estado como a Xunta non enviaran ningún informe polo que descoñecían as características “do arte do xeito”, e cualificaron de  “despropósito”, a súa prohibición.  

 Despois da viaxe dos xeiteiros e as  denuncias na sede europea,  Feijóo viaxou a Bruxelas e puidemos constatar que, unha vez máis, “a Xunta minte” e en realidade, o Presidente da Xunta foi “a tapar as miserias que lle descubriu o BNG”. Rodas volveu a preguntar   porque non foi antes do reparto de cotas para denunciar que o   modelo de reparto sigue  blindado pola normativa do principio de estabilidade relativa ou aínda que se melloren os stoks seguimos sen pasar dunha determinada porcentaxe e con especies prohibidas.  

O secretario Xeral do Mar defende a xestión de Feijóo en Bruxelas  
 Pola súa parte, o secretario xeral do Mar, Juan Carlos Maneiro respondeu que Galiza quere cumprir coa normativa europea sen que afecte a estrutura da pesca galega e que a visita de Feijóo a Bruxelas responde a relación de Galiza coa Comisión de pesca que “será incrementada nos vindeiros anos”.  Na réplica, Rodas defendeu o dereito de Galiza a poder decidir xestionar o FEMP e que non sexa a Unión Europea a que estableza o destino destes fondos para aplicar a súa política de desmantelamento e redución a flota galega, concluíu.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario