9 de maio de 2015

BAIXO MIÑO

A 15ª edición do Correlingua chega a Tomiño o vindeiro 11 de maio  

Baixo o lema: “Galego, a nosa creación común”, centos de alumnos e alumnas da comarca percorrerán as rúas de Tomiño até a praza do Seixo.
     
Xurxo Souto, nunha das súas actuacions do Correlingua

Marta Dacosta / Baixo Miño 

 A  edición 2015 do Correlingua, carreira pola lingua do alumnado de todas as etapas educativas organizada pola CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Mesa pola Normalización Lingüística, coa colaboración dos Concellos de Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense xunto coa Deputación de Lugo, chega a Tomiño o próximo luns día 11 de maio.  

 O Correlingua chega a Tomiño na súa sexta xornada e faino baixo o o lema:  Galego, a nosa creación común. En Tomiño o Correlingua conta coa colaboración do Concello de Tomiño a quen lle queremos agradecer que teña acollido e apoiado a actividade. 

 A Tomiño acudirán escolares de: Salvaterra de Miño, do IES Salvaterra de Miño, O Rosal, do CPI Manuel Suárez Marquier, de Tui, dos colexios de Randufe, Rebordáns e Plurilingüe Nº 1 e os institutos Indalecio Pérez Tizón e San Paio, da Guarda, do Centro San Xerome e de Tomiño, do CEIP Pintor Antonio Fernández e do IES. Centos de alumnos e alumnas que terán a oportunidade de participar nunha actividade e nunha festa coa queremos enviar a mensaxe de que podemos e queremos vivir en galego.  

 A festa final estará conducida polo músico e escritor Xurxo Souto. Ademais actuará o grupo Sacha na Horta, un dos gañadores do certame Cantalingua, do Correlingua. Na festa final participará o alumnado de Salvaterra de Miño que preparou unha actuación, e teremos ocasión de escoitar o manifesto gañador do Correlingua elaborado polo alumnado de 4º ESO do CPI de Pontecesures, nas voces dun grupo de alumnos e alumnas do IES de Tomiño e de María Alonso, premio nacional de tradución en 2014 e tradutora de Shin Chan. 

 A actividade iniciarase ás 11:00 horas no IES de Tomiño desde o alumnado se dirixirá á Praza do Seixo, onde, ás 11:30 comezará a festa final. 

 A organización do Correlingua agradece tamén aos centros educativos a súa participación, especialmente ao profesorado que deste xeito colabora coa actividade.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario