O BNG do Rosal presentou a candidatura para as próximas eleccións municipais
Alberte Alonso: “Fronte a política de parches do PP, o BNG ten un proxecto de futuro e moderno para O Rosal”
Infogauda / O Rosal
O BNG do Rosal presentou onte venres 17 de abril, a candidatura para as próximas elección municipais. O acto tivo lugar no Centro Polivalente.
O candidato nacionalista, Alberte Alonso Pereira, referiuse na súa intervención, a que o BNG priorizará a súa actuación política en promover medidas encamiñadas á dinamizar a economía local e ao desenvolvemento local, co fin de creación de emprego e darlle alternativas de futuro a mocidade.
Aproveitando a presenza da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, o candidato nacionalista, fixo unha comparativa sobre o proceso modernizador que esta a levar adiante o BNG en Tomiño, e o estancamento do Rosal cos sucesivos gobernos do PP. Convidou aos asistentes que visiten o concello veciño, e comparen eles mesmos as diferenzas nos dous xeitos de gobernar.
Alberte Alonso criticou que o actual alcalde en funcións se presente como defensor dos veciños e veciñas do Rosal, cando nos últimos catro anos, tivo ocasións para porse ao lado dos veciños e retouno a que lle diga a cara aos preferentistas, aos emigrantes retornados, aos pais e nais do colexio Suárez Marquier ou aos usuarios do consultorio de San Miguel, que cando necesitaban do seu apoio, sempre lles deu as costas.
Alonso Pereira, tamén lembrou que coa situación actual de desemprego, a única grande medida que se lle ocorreu o alcalde para paliar a situación, foi enviar curriculums de mozos e mozas do Rosal para Alemaña. A solucións que lles deu foi a emigración, o cal para o BNG, é unha autentica aberración e a proba palpable do seu fracaso en política de emprego.
Fixo referencia tamén, a algún episodio da última lexislatura, cando a Agrupación Musical do Rosal lles solicitou unha axuda extra duns 6.000 euros, despois de que a Xunta lles recortara as subvencións para a escola de música, e llos negaron alegando que non había diñeiro. Alonso Pereira lembrou que do orzamento do 2014, o PP “sobráronlle” máis de 300.000 euros que non empregaron en nada. Nese sentido, afirmou que era lamentable que coas necesidades que hai no Rosal, sobren cartos nun exercicio orzamentario.
Finalmente dixo, que o BNG representa a alternativa de futuro, dinámica e modernizadora para O Rosal, e pediu o apoio dos veciños e veciñas. “Temos proxecto de futuro e temos un equipo de persoas capacitadas. Depende de nos”, finalizou.
Candidatura
As persoas que integran a candidatura son, ademais do candidato á alcaldía, Alberte Alonso Pereira, por este orde, Carlos Villanueva Domínguez, Noemí Lomba, Anxela Fernandez, Xulio Vicente Gonzalez, María Fernanda Diego Meira, Xosé Manuel Mendez Díaz, Francisco Javier Treinta Rodríguez, Elvira Vicente Rodriguez, Isaac Cerqueira Pérez, Maria Luz Alvarez Rocha, Sabela Rodríguez Jardon e Eladio Fernández Portela. Como suplentes, Leonor Alfonso Martínez, Beatriz Lorenzo Alvarez e Moncho Fernández Leal.






Ningún comentario:
Publicar un comentario