VENCE COLOCA TOMIÑO COMO EXEMPLO DE GOBERNO DO BNG HONESTO, EFICAZ E PARA A XENTE REFERENTE PARA TODA A COMARCA DO BAIXO MIÑO
Salienta o traballo da equipa que lidera Sandra González ao servizo da veciñanza, participativo, social e capaz de reactivar a economía local
Contrapón o dinamismo de Tomiño coa parálise dos gobernos municipais do PP na comarca do que tomará nota á cidadanía o 24M
A alcaldesa Sandra González e varios membros do grupo municipal de goberno do Concello de Tomiño, acompañaron á Xavier Vence as instalacions, recentemente remodeladas, da Praza de Abastos
Infogauda / Tomiño
Tomiño pasou de ser un concello decadente a ser un concello dinámico convertido en referente para toda a comarca do Baixo Miño tras dúas lexislaturas de goberno do BNG lideradas pola alcaldesa Sandra González, capaz de desenvolver unha xestión eficaz, honesta e participativa, ao servizo das veciñas e veciños.
“É un exemplo do que se pode facer cando hai ideas, iniciativas, entrega e dedicación como ten esta equipa de goberno do BNG que encabeza a compañeira Sandra”, salientaba o portavoz nacional, Xavier Vence, tras coñecer o rehabilitado mercado municipal dentro da súa visita institucional ao Concello, “con capacidade de promover a economía e o comercio local, imprescindibles para xerar emprego e riqueza nun momento de crise como o que vivimos e, ao mesmo tempo, con servizos sociais para atender as necesidades da veciñanza”, subliñou.
Xavier Vence conversando con unhas xóvenes na Praza de Abastos de Tomiño
Vence salientou “con moito orgullo” o traballo desenvolvido polo Bloque en Tomiño, que ten no mercado municipal a última mostra, controvertendo un espazo arruinado “nun emblema comercial e de dinamización local, incluso con atractivo turístico”, capaz de xerar 35 postos de traballo directos.
Xunto coa capacidade para xerar actividade económica e promover o comercio de proximidade, Vence subliñou o segundo sinal de identidade do goberno municipal: o servizos sociais pensados para o benestar da veciñanza, “poñendo o concello ao servizo da xente”.
Neste sentido, fixo referencia ao feito de que Tomiño dispoña do único centro de día público da comarca, un centro para persoas discapacitadas que contou con todo o apoio do concello, ou dúas escolas infantís.
“Todos eles servizos moi importantes para as familias, porque atende aos nenos e nenas e as persoas maiores e facilita a conciliación laboral”, valorou o dirixente nacionalista. Tamén puxo en valor a “intensa” axenda cultural que desenvolve o goberno do BNG, coa escola de música como referente a que concorren 140 alumnos, ou a escola municipal de teatro.
Efecto contaxio para o 24M
“Son tantas iniciativas que nos enche de orgullo e estou convencido que o aprecio que a cidadanía demostra xa a alcaldesa e ao resto do goberno local será renovado nas eleccións municipais do 24 de maio, onde terá un resultado moi bo, reforzando a maioría absoluta”, explicou Vence, quen fixo fincapé en que o exemplo de goberno do Bloque en Tomiño terá un efecto “moi positivo” no resto da comarca.
“A xente da comarca tamén ten oportunidade de contrastar e de comparar os resultados dun goberno comprometido e honesto, con ideas, que traballa para os veciños e veciñas, con creatividade, fronte a uns concellos paralizados e sen iniciativas do PP. Vai haber moita xente na comarca que apostará polo BNG tras o exemplo de Tomiño”, recalcou.
O dirixente do Bloque completou a visita institucional percorrendo outras infraestruturas en marcha, incluíndo a escola de música e un encontro a viveiros do concello, referentes en produción de plantas ornamentais, mesmo a nivel internacional.
Ningún comentario:
Publicar un comentario