Música sen fronteiras no II Compostela Reggae
O 10 de abril Santiago de Compostela ten unha cita co reggae e as músicas do mundo
Infogauda / Santiago de Compostela
O 10 de abril Santiago de Compostela ten unha cita co reggae e as músicas do mundo. A segunda edición do Compostela Reggae preséntanos a unha das bandas máis importantes da “world music” os Terrakota, as novas tendencias do reggae nacional, cos malagueños Malaka Youth e a unha das promesas do panorama galego, os ferroláns Rebel Roots. A cita na sala Capitol a partir das 21,00 horas. O prezo da entrada é de 12 euros, billete anticipado, 16 na sala.
A Asociación Cultural Minho Reggae, en colaboración co Concello de Santiago, celebra a segunda edición do Compostela Reggae cun espírito máis amplo e co afán de achegar o reggae e as novas tendencias que están a xurdir neste estilo tanto en Galicia como fóra da nosa comunidade. A segunda edición deste festival contará con tres bandas que van dende o roots e o reggae máis clásico até a experimentación, os ritmos máis bailables e a fusión coas músicas étnicas e africanas. Propostas moi diferentes que converter esta segunda edición nunha aposta pala diversidade e a calidade musical. Un evento que permitiranos escoitar por primeira vez en Galicia os novos traballos de Terrakota, Malaka Youth e Rebel Roots, tres grupos que chegan cargados de sorpresas e novos discos. Teñen un xeito moi distinto de entender a música pero os tres manteñen un vínculo común, os sons xamaicanos e as letras que cantan á conciencia social e ao cambio dende o positivismo. Músicas para todos os públicos e gustos que queren ser unha porta aberta a outras culturas.
Unha noite única, da que poderemos gozar o venres, 10 de abril, na sala compostelá, Capitol. As entradas poden mercarse on-line ou en Santiago de Compostela no Teatro Principal e na Reixa Tenda, en Vigo están dispoñibles en Discos Elepé a un prezo de 12 euros. Tamén se poderán adquirir na propia sala o día do concerto a 16 euros.
Asociación Minho Reggae
O Compostela Reggae é un evento organizado pola Asociación Minho Reggae, colectivo cultural, sen ánimo de lucro, que nacía na cidade de Vigo en 2010 e que na actualidade está composto por máis de cincuenta socios-voluntarios.
A Asociación conta con máis de cinco anos de experiencia na produción e xestión de diversos festivais e eventos músico-culturais, tanto en Galicia como Portugal, que apoian e fomentan a música, promoven un estilo de vida consciente e respectuoso co entorno e a diversidade cultural e artística.
Dende hai cinco anos son os organizadores do Minho Reggae Splash, un dos festivais de reggae e músicas xamaicanas máis importantes de Galicia e do Norte de Portugal que congrega a máis de dúas mil persoas en cada unha das súas edicións e que este ano celebrará a súa sexta edición. Ao longo do ano organizan concertos, encontros e festivais no sur da provincia de Pontevedra que se converten nunha plataforma de difusión de novas expresións artísticas e musicais, así como apoio para as formacións noveis.

Ningún comentario:
Publicar un comentario