CARME ADÁN PREGUNTA NO PARLAMENTO SE O PECHE DA EXPLOTACIÓN MINEIRA DE PEREIRIÑA EMPREGA VERQUIDOS CONTAMINANTES
A parlamentaria do BNG afirmou que un estudo do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Chan da Universidade de Vigo, alerta de verquidos e material procedente dos solos das Gándaras de Budiño afectados por un derrame de fuel-oil
Carme Adán, parlamentaria do BNG
Infogauda / Salceda de Caselas
A parlamentaria do BNG, Carme Adán formulou hoxe unha pregunta na Comisión de Industria sobre o cumprimento da Resolución para a clausura da explotación mineira de Pereiriña no termo municipal de Salceda de Caselas pola que se establece que o material de recheo consistirá “unicamente en rochas e terras limpas procedentes de sobrantes de escavacións próximas”.
Na súa intervención, a parlamentaria fixo referencia ao estudo do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Chan da Universidade de Vigo que alerta da presenza de “verquidos limosos, edras e material de solos das Gándaras de Budiño afectados por un derrame de Fuel-Oil”.
Ademais, asegurou que os escombros utilizados no peche da mineira tamén foron detectados “barras de ferro e lodos de corte de pedra” polo que preguntou se as obras de restauración do peche e clausura da explotación mineira cumpren co plan deseñado.
Pola súa parte, o director xeral de Industria, Bernardo Tahoces recoñeceu que a empresa encargada dos labores de recheo “non cumpriron o Plan de restauración” polo que a Xunta reclamará responsabilidades.
Tras a resposta do cargo da Xunta, que se comprometeu a remitir os resultados das primeiras análises realizadas pola Xunta e que reflectían material que non se adecuaba o inicialmente previsto, a deputada o BNG exisiu “retirar” a totalidade do material empregado e iniciar as obras con rochas e terras limpas como contempla a Resolución para clausurar a explotación mineira.

Ningún comentario:
Publicar un comentario