19 de mar. de 2015

GONDOMAR

CULTURA

O fondo do Sinior Afranio cedido ao Instituto de Estudos Miñoranos pola familia Álvarez Cáccamo

Alfonso Alvarez Cáccamo, amosando unha fotografía de Antón Alonso Ríos, en presenza de Carlos Méixome, do IEM 

IEM / Gondomar

 A familia Álvarez Cáccamo cedeu ao Instituto de Estudos Miñoranos unha serie de documentos orixinais relativos á figura do Sinior Afranio. Personaxe creado polo parlamentario republicano e presidente do Consello de Galicia, Antón Alonso Ríos, ca fin de eludir a represión franquista tralo alzamento de 1936. A sinatura do convenio que rexerá a custodia e  divulgación do fondo tivo lugar este mércores 18 de marzo na Aula de Cultura Ponte de Rosas por parte de Alfonso Alvarez Cáccamo, en representación da familia  e Carlos Méixome polo IEM. 

 Tralo golpe de Estado e con 50 mil pesetas de recompensa pola súa captura, Alonso Ríos debeu enfrontar unha urxente fuxida da represión franquista. Na clandestinidade o seu corpo comezou sufrir os efectos da precariedade: magro, envellecido, barbudo. Foi entón que decidiu sacar partido desa condición converténdose nun ficticio esmoleiro portugués de nome Afranio de Amaral. Con ese camuflaxe comezou a súa andaina clandestina por Galicia, que o trouxo ao Val Miñor e o Baixo Miño na procura de cruzar ao Portugal co xeito de embarcar a América, o que conseguiu. 

 A documentación achegada contén os manuscritos orixinais do libro Sinior Afranio, onde Alonso Ríos, a instancia de Xosé María Álvarez Blázquez, narra con detalle todo o acontecido nesas datas. Inclúe a fotografía orixinal, única do Senior Afranio, a correspondencia cruzada entre Álvarez Blázque e Alonso Ríos, recortes de prensa, e unha novela inédita (mecanografada), titulada Nidia. 

 No acto de sinatura do convenio, Alfonso Álvarez Cáccamo considerou que o IEM pola súa tradición e modo de traballar era o mellor destinatario para a custodia e divulgación deste material. Pola súa banda, Carlos Méixome, adiantou que o IEM expoñerá parte do fondo no Espazo da Memoria, localizado na Aula de Cultura Ponte de Rosas,  e xestionará a apertura para consulta da documentación por parte investigadores e público interesado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario