6 de mar. de 2015

GALICIA

As mulleres con enfermidade mental, triplemente discriminadas  


As mulleres con enfermidade mental atópanse con grandes obstáculos na súa vida como consecuencia da tripla discriminación que sofren: pola súa enfermidade, pola súa discapacidade e polo feito de ser muller. 

Preto do 90% dos coidadores de persoas con enfermidade mental son mulleres, que soportan un gran traballo e sufrindo alteracións na súa vida persoal e social.  


Ana Escrigas Rodríguez / Santiago


 Segundo o censo de persoas con discapacidade da Consellería de Traballo e Benestar, na nosa comunidade hai 41.533 persoas con certificado de minusvalía por enfermidade mental, sendo a segunda causa de discapacidade despois da física e moi por diante da psíquica e sensorial.  As persoas con enfermidade mental cargan con grandes lacras na súa vida diaria: unha concepción negativa por parte da sociedade, grandes dificultades para a súa inserción social e laboral e insuficientes recursos na atención á saúde mental. Dentro deste colectivo, as mulleres (que representan o 43% do total de afectados) están se cadra máis desprotexidas xa que sofren unha tripla discriminación:  

O estigma asociado ao padecemento dunha enfermidade mental

O rexeitamento que provoca a discapacidade derivada da enfermidade mental 

A discriminación derivada de ser muller e o que isto implica na nosa sociedade 

Unha vida, moitas dificultades 

 Esta tripla discriminación provoca unha serie de obstáculos cos que se atopan as mulleres con enfermidade mental no seu día a día. Por unha parte están as dificultades derivadas da propia enfermidade, como poden ser problemas no funcionamento psicosiocial e familiar, barreiras para a súa participación na comunidade e dificultades de autonomía nas diferentes áreas da vida persoal e social.  

Por outra banda, existe un prexuízo social que afecta especialmente a estas mulleres, dado que a sociedade en xeral ten unha imaxe negativa do colectivo considerándoos incapaces ou demasiado problemáticos para levar a cabo unha vida normalizada.  

 Isto tamén provoca dificultades no eido laboral, pois as mulleres que sofren unha enfermidade mental son un dos colectivos da sociedade que teñen máis dificultades para acceder a un posto de traballo. Como consecuencia, carecen de recursos económicos polo que a miúdo son dependentes das súas parellas. 

 Téñense detectado casos de mulleres con enfermidade mental que ven dificultado o exercicio da súa maternidade. Como a calquera outra nai ou pai non se debe xulgar o mero feito de padecer ou non unha discapacidade ou enfermidade mental senón de dispor de asesoramentos e apoios axeitados na toma de decisións.  

 Tamén é un feito recoñecido que a violencia de xénero exercida contra as mulleres con enfermidade mental grave, moitas veces por parte das súas parellas e ex parellas, é máis frecuente que a que se exerce sobre as mulleres que non presentan estes diagnósticos. 

Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental 

 Para facer fronte a esta realidade, FEAFES Galicia apoia os procesos de integración social das mulleres con enfermidade mental, axudando a mellorar o seu benestar físico e a aumentar a súa propia estima a través da participación activa na comunidade.  

Neste senso, a entidade desenvolve un Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental cofinanciado polo Fondo Social Europeo e pola Secretaría Xeral de Igualdade. A través deste programa, FEAFES Galicia facilita información e asesoramento a mulleres con enfermidade mental, realiza accións formativas, atende urxencias e traballa coordinadamente con outros recursos.  

 Ó longo do 2014, un total de 66 mulleres con enfermidade mental recibiron formación e asesoramento ó amparo deste programa para aumentar a súa autonomía, lograr unha maior adherencia ó tratamento, adquirir unha maior consciencia da enfermidade, recuperar as súas destrezas cognitivas e mellorar as súas habilidades sociais. Ademais destas beneficiarias directas, ata 97 familiares favorecéronse tamén destas accións. 

As coidadoras, tamén mulleres 

 Segundo indica a “Estratexia de Saúde Mental do Sistema Nacional de Saúde”, a prestación de atención á saúde mental realizada por coidadores informais supón o 88% do total desta atención en España. Isto implica unha carga tremenda para as familias, posto que a atención dun paciente psiquiátrico trae asociadas toda unha serie de alteracións na vida do coidador. 

 Destes coidadores informais, as mulleres son as que soportan o maior traballo, pois en case o 90% dos casos a atención á persoa con enfermidade mental é realizada polas nais. Isto provoca nestas mulleres un importante retraemento social porque o coidado da enfermidade mental implica unha gran dedicación: a coidadora e o enfermo íllanse do entorno e os prexuízos sociais resultan moi daniños. 

 A abordaxe integral da enfermidade mental debe incluír tamén unha adecuada atención ó entorno máis próximo, que a miúdo precisa de apoios específicos como programas de axuda mutua, intervención familiar, etc. Os familiares, amigos e coidadoras son un elemento esencial na recuperación das persoas con enfermidade mental, polo que tamén precisan un asesoramento e unha formación que FEAFES Galicia, así como as asociacións membro, ofrecen a través dos seus servizos.  

 FEAFES Galicia, a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que sofren problemas de saúde mental e a dos seus familiares.  

 O ámbito de actuación de FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega, posúe centros e servizos en 30 localidades e conta cun total de 6.200 socios.

Ningún comentario:

Publicar un comentario