VENCE PRESENTA A CANDIDATURA BNG-ASEMBLEAS ABERTAS DA GUARDA CON ÁNGEL BAZ COMO CABEZA DE LISTA PARA LIDERAR UN GRUPO DE PERSOAS COMPROMETIDAS CO CONCELLO
O cabeza de lista pon como prioridades dinamizar a economía local a través do comercio e do turismo para xerar emprego
Ángel Baz, cabeza de lista do BNG-Asembleas Abertas no Concello de A Guarda
Infogauda / A Guarda
BNG-Asembleas Abertas presentou a súa candidatura no Concello de A Guarda con Ángel Baz como cabeza de lista para os comicios municipais do 24 de maio, unha candidatura renovada tras un proceso de asembleas abertas á veciñanza do concello que facilitou a incorporación non só de militantes senón tamén de persoas independentes que, sen ter o carné do BNG, apostan polo proxecto político do Bloque para aportar solucións aos problemas do municipio.
O portavoz nacional, Xavier Vence, arroupou a presentación da candidatura subliñando que un “reflexo da cidadanía comprometida, loitadora e honesta” traballadora” que sabe que, “con traballo e ideas, con propostas pensadas en beneficio da xente é posible dar solucións aos principais problemas da Guarda, como o desemprego, a emigración xuvenil ou o esmorecemento do comercio local”.
Vence salientou ao propio Ángel Baz como exemplo de persoa emprendedora, bo coñecedor da situación do comercio de proximidade e do sector hostaleiro ao que contribúe a dinamizar, ou a inclusión na lista de Benito Alonso, “capaz de plantarlle cara a prepotencia de Facenda xunto con outros moitos e moitas emigrantes retornados que non dubidan en saír a rúa a defender os seus dereitos”. “Con Ángel e Benito, e o resto de compañeiros e compañeiras desta candidatura, a veciñanza da Guarda ten o día 24 de maio a oportunidade de desaloxar ao PP e as políticas de recortes que representa e dar paso a un novo tempo para este concello”.
Aspecto que presentaba o salón de actos do Centro Cultural e Social de A Guarda no acto de presentación da candidatura do BNG - Asembleas Abertas da Guarda
O dirixente nacionalista puxo en valor o proceso de asembleas abertas, “como exemplo real de transparencia e de participación da cidadanía na elaboración da candidatura e das propostas para o concello”, e subliñou que o BNG ten dado mostras de que se pode gobernar doutra maneira “a favor da xente, sen recortes, apostando polos servizos públicos, polas prestacións sociais, polo comercio local e pola cultura”, e citou como exemplo máis próximo o Concello de Tomiño, “que se ten convertido en referente na comarca baixo o goberno do BNG”.
Pola súa parte, Ángel Baz confesouse “emocionado ver a cantidade de xente que nos acompañou neste acto e a ilusión posta nesta candidatura. As continuas mensaxes de apoio e de optimismo recibidos fainos ter máis seguridade aínda neste proxecto político.”
O acto foi presentado por Hortensia García, concelleira na Guarda, e contou coa asistencia de innumerable público que arroupou á presentación da candidatura.
O candidato á Alcaldía, Ángel Baz, explicou o proceso de configuración da candidatura mediante Asembleas Abertas: “porque entendemos que ten que ser así, dun xeito democrático e participativo, como se ten que facer política. E así dese xeito democrático e participativo foi como saíu o meu nome e o das persoas que me acompañan na candidatura” afirmou.
Ángel Baz e Xan Lois Lomba xunguidos nunha aperta
O candidato á Alcaldía salientou a necesidade dun goberno na Guarda que sexa quen de entender as verdadeiras necesidades e demandas das veciños e veciños.
Anos de traballo con comerciantes e hostaleiros
“Despois de anos traballando ao lado dos comerciantes, dos hosteleiros, dos mariñeiros, dos deportistas e dos meus veciños penso que sei o que demanda este pobo, e o primeiro que demanda é un cambio, porque día a día perdemos vitalidade, oportunidades e se seguimos así podemos perder mesmo o futuro” comentou.
Sobre os proxectos que a candidatura ten para A Guarda, Baz fixo referencia á necesidade de que o Monte Trega sexa un dos motores que dinamicen a economía local e deixar de desaproveitar as oportunidades que nos brinda. “Ademais de coidar o noso patrimonio A Guarda debe coñecer e estar orgullosa da súa historia, porque no noso pasado temos escrito o noso futuro” engadiu.
A desestacionalización do turismo, a necesidade urxente dun plan de tráfico que permita aos visitantes acceder ao centro da Guarda, o apoio aos sectores produtivos e o pequeno comercio local como fontes de emprego na localidade foron outros dos temas aos que se referiu o candidato.
Ningún comentario:
Publicar un comentario