Os concellos dispoñen ata o 16 de marzo para solicitarlle á Deputación axudas para financiar os servizos sociais comunitarios
A achega total da Administración provincial ascende a 2 millóns de euros
Deputación Provincial de Pontevedra
O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra acaba de publicar as bases que regulan o plan de cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios municipais, polo que os concellos interesados en beneficiarse destas achegas poderán presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 16 de marzo.
A Deputación achega 2 millóns de euros para financiar este servizo nos concellos de menos de 20.000 habitantes. Financiará o Servizo de Axuda a Domicilio (SAF) básico, así como a contratación de persoal técnico dos equipos municipais de servizos sociais comunitarios con perfís profesionais diferentes e complementarios ó do profesional de referencia.
A contía das achegas varía en función dos servizos que cada Concello desenvolva e cubre tanto o servizo de axuda no fogar (recursos humanos e materiais) coma o custo salarial dos profesionais que traballan en servizos sociais municipais distintos do traballador social.
No caso do Servizo de Axuda no Fogar a contía das achegas varía entre os 9.000 e os 38.000 euros. Ten por obxecto o pagamento dos custos salariais do persoal que traballa neste servizo e do material necesario para prestalo.
En canto ó importe máximo que a Deputación destinará ós concellos para financiar os custos salariais do persoal complementario ó traballador social, as bases establecen contías en función da xornada laboral e da categoría profesional do traballador.
Estas contías oscilan entre os 4.208 euros dun limpador a media xornada e os 18.062 euros dun titulado superior a xornada completa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario