5 de out. de 2014

TUI

130.000 euros destinaranse á mellora da pavimentación da N-550 ao seu paso por Guillarei

A DEPUTACIÓN INVISTE PRETO DE 420.000 € EN OBRAS DE PAVIMENTACIÓN DE VARIAS VÍAS MUNICIPAIS EN TUI



·       Os traballos tamén incluirán a mellora de 8 viais urbanos e a renovación do firme do CEIP nº 1
Infogauda / Tui

A Deputación destinará 416.732,22 euros ao concello de Tui para obras de mellora da pavimentación de diversos viais urbanos.

A achega materializase a través de dúas subvencións do Plan Urxente de Mantemento de Servizos e Infraestruturas Municipais que permitirán, por un lado, a renovación do firme dun treito da N-550 ao seu paso por Guillarei e, por outro, o asfaltado de varios camiños municipais e do patio do CEIP nº1.

Na N-550 investiranse 130.387,46 euros e os traballos consistirán no fresado do actual firme e a dotación dunha nova capa de rodadura con aglomerado en quente. A superficie total que se vai pavimentar será de case 10.000 metros cadrados.

A segunda das subvencións, por un importe de 286.344,76 euros, destinarase á pavimentación dos camiños Poboanza, Ricamonde, Valiñas, Gándara, Fenteira e Seixal, da rúa Mantínez Padín, así como do acceso á piscina e ao pavillón municipal. As obras incluirán tamén a renovación da pavimentación do colexio CEIP nº1.


En todos os casos se aplicará unha capa de aglomerado asfáltico e, alí onde sexa preciso para mellorar o agarre desta nova capa de rodadura, procederase tamén ao fresado ou limpeza do pavimento actual.

Ningún comentario:

Publicar un comentario