AS ACTAS DA DIGNIDADE: MARIA DA LUZ E MARIA DAS AURORAS
Debaixo de cada historia individual de represión hai ducias de vidas anuladas, silenciadas, soterradas no amargo silencio da historia oficial e nas catacumbas da memoria. Son vidas dignas, amargas e heroicas, as máis das veces de nais, de irmás, de compañeiras, de viúvas. Mulleres encarceradas, rapadas, humilladas, violadas, enterradas nos espesos muros de silencio do franquismo. Moitas negáronse a falar, conviviron coa dor e coa culpa, aturaron a persecución e a infamia; algunhas perdéronse para sempre nas néboas da loucura. Mais case todas se negaron a esquecer os crimes e os nomes dos asasinos. Gardaron coma un tesouro a memoria dos seus e ese acto de resistencia é unha victoria, cruel e amarga, contra o esquecemento. A infamia dos vencedores é a victoria dos vencidos.
As memorias de Juan Noya, publicadas en Caracas en 1976, son o rexistro fiel da persecución implacábel, da violencia extrema e innecesaria que sufriu unha familia, os Domínguez Pacheco. A familia de Lola, a súa muller. Dolores, Antonio, Ángel, Jesús, Francisco e Manuel Dominguez Pacheco, os fillos de María da Luz Pacheco Videira e José Domínguez Lomba. Antonio, de 35 anos, e Ángel, de 32, foron das primeiras vítimas da cacería humana.
Ningún comentario:
Publicar un comentario