3 de out. de 2014

GALICIA

O BNG PRESENTA NA EUROCÁMARA UNHA DENUNCIA CONTRA A LIÑA DE ALTA TENSIÓN TRANSFRONTEIRIZA DA REDE ELÉCTRICA ESPAÑOLA EN ARBO

Recolle unha petición popular que conta con 8.000 sinaturas recollidas en diversas localidades de Galiza e Portugal

Ana Miranda - no centro da imaxe - , Marisa Matias e o secretario da Comisión de Peticións, David Lowe.

Infogauda / Santiago de Compostela

 O BNG en colaboración co Bloco de Esquerdas de Portugal presentou unha denuncia ante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo en contra do proxecto da liña de alta tensión transfronteiriza que Rede Eléctrica Española (REE) ten previsto construír entre Galiza e Norte de Portugal e que, no caso galego, afecta ao concello de Arbo.

 A denuncia, en nome da asociación de afectados pola liña, foi presentada pola portavoz do BNG na Eurocámara e secretaria de Política Internacional, Ana Miranda, e pola eurodeputada lusa Marisa Matías. Ambas formacións políticas apoiaron as mobilizacións a ambos lados da fronteira emprendidas pola veciñanza afectada que, integrada nunha plataforma, xa ten recollido 8.000 sinaturas en contra do proxecto. 

 No texto da denuncia se recolle as infraccións en materia medio ambiental e as consecuencias para a saúde desta liña de 400 kilovatios e cunha lonxitude de 21,7  kilómetros, que cruzaría por núcleos de vivendas nas parroquias de Sela e Barcela no concello pontevedrés de Arbo.

 Neste sentido, Miranda advirte que o trazado previsto “está situado a unha distancia das casas habitadas inferior ao contemplado na lexislación europea, polo que a demanda da veciñanza dun trazado alternativo está totalmente xustificada. Ademais, o deseño  previsto  a día de hoxe implicaría invadir zonas da Rede Natura 2000. En todo caso, que se busque un deseño alternativo”, explicou.

 Miranda, que xa ten elevado iniciativas parlamentarias á Comisión Europea,  considera que a mobilización das persoas, asociacións e vilas afectadas permitiu reunir 8.000 sinaturas contra o proxecto, e avanzou que vai facer o posible para axilizar a tramitación da denuncia na Eurocámara.

Ningún comentario:

Publicar un comentario