4 de out. de 2014

A GUARDA

RECANTO DA ARTE

A EXPOSICIÓN DE PINTURAS DE CAINO FOI PRESENTADA POLOS ESCRITORES FRANCISCO ÁLVAREZ - KOKI E RAMÓN CARIDE OGANDO

O pintor Caino xunto a algunhas das obras que presenta na súa exposición en A Guarda - Foto: Ricardo Rodríguez Vicente


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda


 O Salón dos Espellos do Colexio PP. Somascos, de A Guarda, acolle hasta o vindeiro día 18 deste mes de outubro unha exposición de pinturas do pintor Claudio Vasconcellos Cabral (Caino). 

  No acto de aperta da mostra, que tivo lugar na tardiña de onte venres, ademáis do artista, estiveron presentes autoridades locais e unha boa representación de amigos, procedentes do Val Miñor e do Baixo Miño, e mesmo doutras bisbarras galegas, como é o caso do escritor Ramón Caride Ogando (Cea, Ourense, 1957), que logo dunha breve introducción a cárrego de Francisco Álvarez Álvarez (Koki), escritor de A Estivada (A Guarda), faría á presentación da exposición de Caino. 

  Da intervención do multigalardoado escritor - Premio Blanco Amor, en 1992, por Soños eléctricos; Premio de Poesía Cidade de Ourense en 1994, por Flor no deserto; Premio Merlín en 1995, por Perigo vexetal; Premio Risco de Literatura Fantástica no 2003, por O sangue dos camiños; Premio Lueiro Rei no 2007, por O frío azul; e Premio Frei Martín Sarmiento, en 2014 por A pomba Dona Paz, entre outras distincións -  Ramón Caride Ogando, autor que posúe unha ampla obra, tanto en poesía, como en narrativa, ensaio, e literatura infanto-xuvenil; queremos salientar que o escritor residente en Cambados escomenzou súa intervención con unha ollada retrospectiva do tempo no que estando en Baiona, viu uns cadros n´un establacemento que lle chamaron súa atención. Preguntou quen era o autor daquelas obras, e unha vez soubo que eran de Caino quixo coñece-lo. Desde aquela ata hoxendía, Ramón Caride Ogando e o pintor Caino Vasconcellos Cabral manteñen unha fraterna amizade.

  Do corpus da intervención de Ramón Caride na presentación da exposición de Caino extraemos o seguinte:


CAÍNO, A FIDELIDADE ÁS RAÍCES

Ramón Caride

 Decía o escritor uruguaio Juan Carlos Onetti, -non sei se con orixinalidade, por certo-  que para un autor, ou para un artista, non hai maior aberración que a de pretender ser orixinal a toda costa. A orixinalidade, nesta opinión que eu comparto, é unha consecuencia do verdadeiro traballo creador, nunca debe ser a motivación deste oficio.

 Cando un artista se limita a ser el mesmo, a orixinalidade acode sen esforzo, porque non a hai mellor que a de ver o mundo cos propios ollos. A obra de Caíno, malia as últimas innovacións formais, continúa sendo a súa, sendo a última fornada da gran pintura galega de sempre: a do trasmundo, a do naturalismo, a da pescuda na esencia das cousas. A técnica pode ser agora máis contemporánea, pero os temas son eternos: os dos cruceiros, os dos petos de ánimas, os dos pórticos románicos… os que sempre volven a nós coma nun xogo perpetuo de espellos. As figuras das estampas de Caíno, as da nosa tradición, a popular e a culta,son intemporais.

 Mais a pintura de Caíno non é inxenua, antes ao contrario mostra a violencia e mostra a tristura dos feridos, nun intento por conxuralas, por deter o avance do Mal neste tempo en que todo se veste, ou se disfraza, dunha Modernidade por veces absurda, cando non baleira de contidos reais. Non é este, por fortuna, o caso de Caíno. Sempre ao seu, fiel ás súas raíces. Porque só as árbores de forte raigame dan froito vizoso. Ollando dentro del, como fan os verdadeiros artistas. Alleo ás modas e aos cantos de serea.

 Caíno pinta para darnos o mellor do seu oficio, coa súa particular sensibilidade, allea ao finximento e ao engano que inzan de cotío en tantos eidos. I é que na Arte, como na vida, non vos hai cousa máis orixinal, nin tampouco máis difícil, que ser un mesmo.



O pintor Caino - no centro da imaxe - acompañado por algúns dos amigos de Baiona, Estás e A Guarda que acudiron á inauguración da exposición - Foto: Ricardo Rodríguez Vicente


 Nesta exposición de pinturas de Caino Vasconcellos, pódense ademirar obras de heteroxénea temática, na que á presenza de figuras e maioritaria, si ben o autor tamén amosa outros rexistros, de variada inspiración atlántica, onde á persoalidade deste artista maniféstase nidiamente nas texturas sen estridencias e no certeiro cromatismo. 

 A mostra - que leva por título xenérico "Espazos da memoria" -, reflicte á labor de un pintor de ampla traxectoria expositiva, con presenza en coleccións privadas de Europa e Norte América, e tamén en coñecidas galerías de arte. Poder disfrutar en A Guarda, coa Arte de Caino e unha oportunidade que tódalas persoas as que lles guste á pintura artística non deberían desaproveitar.

NOVAS RELACIONADAS

Ningún comentario:

Publicar un comentario