10 de out. de 2014

A GUARDA

A Guarda terá o dominio “.gal” na rede  


A iniciativa presentada polo BNG foi apoiada por todas forzas políticas agás o PP

Infogauda / A Guarda

 O pleno do Concello da Guarda aprobou a moción presentada polo BNG na que se solicitaba ao goberno municipal o rexistro e activación do dominio “.gal” no enderezo da web institucional. O Partido Popular votou en contra.  

 “É difícil de explicar a actitude do PP de pór pedras no camiño cando se trata da promoción do galego e da imaxe de Galiza. Parece que a algúns concelleiros do PP supúralles a pel cando se fala de poñer en valor a nosa lingua”, comentou Xan Lois, concelleiro do BNG.  

 O BNG considera que con este dominio a comunidade galega no mundo, a nosa lingua e a nosa cultura xa gozan dunha marca propia con que identificarse os contidos que se xeran na rede, incluídos os da administración pública local.  
 Para o BNG o dominio “.gal” fai que se poidan localizar os contidos destinados ao público galego ou referentes á sociedade galega de xeito máis rápido e as institucións poden presentarse perante o público galego dun xeito máis próximo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario