A CIG-Ensino expresa o seu apoio á comunidade educativa do CEIP Feliciano Barrera, de Ponteareas, na súa lexítima demanda do profesorado que lle corresponde e necesita
A CIG-Ensino expresa o seu apoio ao CEIP Feliciano Barrera, en Ponteareas, que hoxe mesmo inicia mobilizacións para reclamar o cumprimento da ORDE do 30 de xullo de 2013 pola que se modificaron as unidades e os postos de traballo deste centro, pasando a ter 3 unidades de infantil, ás que lles corresponden catro profesoras.
Esta modificación foi realizada no pasado curso para recoller a necesidade do centro de contar con catro unidades de Educación Infantil. Deste xeito o ano pasado o centro contou cunha unidade máis e dúas profesoras máis para esta etapa. Este curso, co mesmo número de unidades, a Xefatura territorial non completou aínda o cadro de persoal.
O pasado 9 de setembro a CIG-Ensino reclamou a cobertura desta vacante e a Xefatura Territorial respondeu que o estudaría.
Desde a CIG-Ensino consideramos que a Consellaría está obrigada a cumprir os catálogos que están fixados na orde de 12 de agosto de 2010 e nas súas sucesivas modificacións, que no caso concreto do Feliciano Barrera é de 2013. Os catálogos teñen a función de establecer o profesorado necesario nos centros a fin de acometer as tarefas habituais entre as que o horario lectivo é unha parte, pois existen outras funcións que o profesorado debe realizar nos centros, como son cargos de dirección, coordinación, ou gardas. Ademais, sobre eses cadros fixos existen necesidades que non se contemplan mais que en momentos determinados son necesarias, normalmente de atención educativa, polo que en moitas ocasións cómpre reforzar os centros con profesorado que non está contemplado nos catálogos mais que é imprescindíbel.
Pois ben, neste curso, a Xefatura territorial de Pontevedra non só non está cubrindo todas as necesidades dos centros, senón que mesmo está a non cubrir o que marca a propia orde que a Administración publicou. E son varios os casos, que agora saen á luz pública ao iniciarse as mobilizacións das súas comunidades educativas (lembremos que o CPI do Rosal iniciou un peche indefinido o día 10).
A comunidade educativa do CEIP Feliciano Barrera inicia hoxe mobilizacións ao remate da xornada da mañá para esixir a cobertura de todo o profesorado do centro.
A Xefatura territorial négase ao diálogo e despreza as comunidades educativas:
Hoxe mesmo a CIG-Ensino mantivo unha reunión co Xefe territorial na que comprobou a total ausencia de vontade de diálogo e mesmo unha actitude de desprezo polas comunidades educativas mobilizadas.
Desde a CIG-Ensino manifestamos que seguiremos reclamando o que marcan as ordes de catálogos e que non aceptamos as escusas infundadas da Xefatura territorial que pretende incumprir o que está establecido.
A CIG-Ensino denuncia a actitude desta Administración e manifesta que apoia o centro na súa lexítima reivindicación e que estudará e levará a cabo cantas medidas sexan oportunas e necesarias para reclamar o cumprimento da Orde de catálogos.
(R.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario