23 de set. de 2014

EMPREGO

Todos os que hoxe seleccionaron empresa, poderán traballar na compañía que era a súa opción preferida

400 EMPRESAS DARANSE CITA O LUNS NA DEPUTACIÓN PARA ASINAR OS CONVENIOS QUE LLE PERMITIRÁN CONTAR CON ALGÚN DOS 500 BOLSEIROS QUE HOXE CULMINARON O PROCESO DE ELECCIÓN DE DESTINO


·       Louzán amosa o seu desexo de que esta “primeira oportunidade” se converta “nunha relación laboral duradeira”
·       As prazas que quedaron sen cubrir, adxudicaranse mañá aos suplentes de cada especialidade
·       As empresas que quedaron sen bolseiro por non haber candidatos, terán ocasión de elixir outra titulación que se adapte ao perfil que precisan
·       As especialidades relacionadas con informática e farmacia concentran 15 das 23 vacantes sen candidato
400 empresas de toda a provincia daranse cita o luns na Deputación de Pontevedra para proceder á sinatura dos convenios que lles van permitir contar con algúns dos 500 bolseiros do Plan de Práctica Laboral que hoxe culminaron o proceso de elección de destino.

Na xornada de hoxe foron preto de 200 titulados universitarios de 45 especialidades os que tiveron ocasión de elixir a empresa na que van a ter a súa primeira oportunidade laboral e fixérono, ademais, con gran satisfacción, porque todos terán ocasión de traballar na empresa que era a súa opción preferente.

O presidente da Deputación destacou “as caras de felicidade” dos bolseiros como mostra de que esta iniciativa “pioneira en Galicia e España” atende ao fundamental, que é o benestar das persoas e as familias.
Así, incidiu en que “hai cousas que deben prevalecer” e por iso a Administración decidiu priorizar actividades que impulsen a creación e acceso ao emprego fronte a outros investimentos.

Os preto de 500 mozos e mozas que o un de outubro comezarán as súas prácticas laborais terán a posibilidade de traballar un ano na empresa elixida, polo que Louzán os animou a “poñer todo da súa parte” para que esta primeira oportunidade “teña continuidade na empresa”.

Máis de 1.000 bolseiros nestes momentos
Coas bolsas adxudicadas nestes días, son xa máis de 1.000 persoas as que nestes momentos teñen ocasión de traballar con bolsas da Deputación.

Aos 500 desta segunda tanda hai que sumar aos 500 que comezaron a súa bolsa en xaneiro e que rematarán a finais de decembro, a trintena de titulados en especialidades relacionadas co turismo e que xa seleccionaron empresa no verán e as bolsas postas en marcha para titulados con discapacidade.

Suplentes e vacantes
Unha vez finalizado o proceso de selección, a Deputación pon en marcha o proceso para tratar de cubrir todas as prazas que quedaron vacantes ou para as que non existen candidatos.

Así, entre mañá e pasado cubriranse cos suplentes de cada especialidade as prazas que quedaron vacantes como consecuencia da renuncia dalgúns bolseiros, ben porque felizmente xa atoparon un traballo (como foi o caso dunha arquitecta e dun veterinario que hoxe tiñan que elixir empresa pero que xa están traballando); ben por que o bolseiro tiña posibilidade de elixir prazas en diferentes titulacións, entre outros motivos.

A elas súmanse 23 prazas que non poderán ser cubertas con suplentes, por non existir candidatos.

Neste caso, as empresas terán ocasión de elixir unha titulación diferente que se adapte ao perfil que precisan.
Na maioría dos casos, as vacantes sen candidatos correspóndense á rama de informática e novas tecnoloxías, con 10 prazas sen cubrir, seguida da titulación de Farmacia, na que se ofertan 5 prazas para as que nestes momentos non hai candidatos.




TITULACIÓNS
VACANTES SEN CANDIDATOS
CICLO SUPERIOR EN CONSTRUCCIONES METÁLICAS
1
CICLO SUPERIOR EN DESENVOLVEMENTO DE APLICACIÓNS MULTIPLATAFORMA
3
CICLO SUPERIOR EN DESENVOLVEMENTO DE APLICACIÓNS WEB
1
CICLO SUPERIOR EN PROXECTOS E DIRECCIÓN DE OBRAS DE DECORACIÓN
1
CICLO SUPERIOR EN ESTÉTICA INTEGRAL E BENESTAR
2
CICLO SUPERIOR EN HIXIENE BUCODENTAL
1
DIPLOMATURA/GRAO EN FISIOTERAPIA
1
DIPLOMATURA/GRAO EN TERAPIA OCUPACIONAL
2
ENXEÑERÍA TÉCNICA EN INFORMÁTICA DE XESTIÓN
1
ENXEÑERÍA/ GRAO EN INFORMÁTICA
4
ENXEÑERÍA/ GRAO EN INFORMÁTICA CON INGLÉS
1
LICENCIATURA/GRAO EN FARMACIA
5

23


Ningún comentario:

Publicar un comentario