16 de ago. de 2014

PEITIEIROS (GONDOMAR)

Peitieiros celebra a Semana Cultural e o XXI Festival Folclórico Internacional o vindeiro sábado 23 de agosto



Centro Cultural de Peitieiros / Gondomar

   O vindeiro sábado 23 de agosto, ás  20 horas, o Centro Cultural de Peitieiros, Gondomar, celebra o XXI Festival Folclórico Internacional. Como xa se fixo o ano pasado, como actividade previa ao Festival Folclórico, celébrase a Semana Cultural que comezará o martes 19. 

Semana Cultural

Martes 19 ás 20:30 h.: actividade de observación de estrelas no alto da Paraguda: o punto de encontro será no cruce entre as pistas da Paraguda, Camiño de San Xulian e pista do Aloia, entrando pola pista do Aloia, no alto de San Antoniño, a 2 km do cruce. Desde alí subiremos andando pola pista ata a Paraguda (1km) onde agardaremos e desfrutaremos da posta do sol. Posteriormente tomaremos unha merenda-cea (cada quen levará a súa), agardando á noite. Cómpre levar roupa de abrigo, unha lanterna, un farrapo para deitarnos no chan e coxín para quen precise.

Mércores 20 ás 20:30 h.: presentación do vídeo sobre treboadas realizado polo noso veciño Celso Díaz.

Xoves 21 ás 20:30 h.: presentación do proxecto Elelelos da Asociación Retrouso de Cela. A presentación será realizada por Guillerme Ignacio integrante do grupo Quempallou.

Venres 22 ás 20:00 h.: realización dunha charla e mostra de Traxe tradicional a cargo da costureira Patricia González, pandereteira e integrante do grupo Zurrumalla.

            Todos os actos, agás a observación de estrelas, terán lugar no Centro Cultural, ao lado da igrexa de vestixios románicos de San Miguel.

 XXI Festival Folclórico Internacional

Sábado 23:
Nesta edición contaremos coa presenza do grupo anfitrión, Ecos e Agarimos, que como en todas as edicións será o responsábel de iniciar o Festival. Ecos e Agarimos, cunha traxectoria de máis de vinte anos, é a escola de música e baile tradicional na nosa parroquia. Contaremos tamén coa participación do Rancho Folclórico CCR São Simão de Gouveia, de Amarante, as Pandereteiras Airiños do Sobreiro de Borreiros, Gondomar,  e poñerá o broche ao Festival o grupo Xistra de Coruxo, Vigo.

O Festival comezará xa ás 12 da mañá con obradoiros diversos de baile e música abertos á participación de quen quixer achegarse. Os obradoiros serán de 12 a 14 horas durante a mañá e de 17:00 a 19:00 pola tarde e serán impartidos polos propios grupos participantes.

Desde a Xunta Directiva do CCR gustaríanos contar coa presenza de todas e todos neste XXI Festival.

Ningún comentario:

Publicar un comentario