23 de ago. de 2014

A GUARDA

MEMORIA HISTÓRICA

XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ CÁCCAMO (ESCRITOR E POETA): "NO PROGRAMA DO TERROR ABSOLUTO INSTAURADO POLOS SUBLEVADOS, A PALABRA DA LEI SUBVERTIDA CUMPLIU CON EFICACIA A SÚA FUNCIÓN CRIMINAL"

Xosé María Álvarez Cáccamo estivo onte en A Guarda, presentando seu libro "A voz quebrada. Da memoria histórica e o terror fascista" - Foto: Ricardo Rodríguez Vicente

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

  Na tardiña do venres día 22 de agosto, deu comezo no Centro Social Fuscalho, o acto de presentación do libro "A voz quebrada. Da memoria histórica e o terror fascista", do escritor Xosé María Álvarez Cáccamo.

  Xosé María Álvarez Cáccamo (Vigo, 6 de xullo de 1950), fillo do profesor, escritor e editor Xosé María Álvarez Blazquez e de María Luisa Cáccamo Frieben, e un poeta e crítico literario, con abondosa producción literaria, que tamén publicou obra narrativa e teatral, e mesmo literatura para crianzas.

   Diante de unha audiencia numéricamente breve, pero moi importante polo seu lexítimo interese en coñecer episodios da Memoria Histórica do noso país, e obviamente de A Guarda e súa contorna; o escritor comezou súa intervención falando brevemente, do limiar - Mar de Cáccamo - do libro, que foi redactado por Xosé Manuel Beiras, a quen lle xungue unha leal amizade.

  Deseguido Álvarez Cáccamo, para situar o público no contexto histórico o que se refire seu libro  "A voz quebrada. Da memoria histórica e o terror fascista", deu lectura a un texto do Xeneral Mola, que tralo golpe militar de xullo de 1936 ordeou o seu exército: "Hay que sembrar el terror... eliminando sin escrúpulos ni vacilación a todos los que no piensen como nosotros".

 Acto seguido Álvarez Cáccamo trazou ás coordenadas do que sería o cerne da súa intervención, decindo:  "(...) A violencia fascista levou á morte por fusilamento ao meu avó Darío Álvarez Limeses e ao seu sobriño Alexandre Bóveda, ao exilio a Xerardo Álvarez Gallego curmán do meu pai, ao desterro ao meu pai e a outro curmán seu, Emilio Álvarez Gallego, á cadea ao meu tío Darío Álvarez Blázquez no ano 47.

   A figura familiar máis veces convocada nos poemas dos seus descendentes é a do meu avó Darío Álvarez Limeses, fillo de Emilio Álvarez Giménez e Amalia Limeses Iglesias, nado en Pontevedra no ano 1877. A súa execución en 1936, as delacions e falsos testemuños que conduciron ao xuizo-farsa no que foi condenado á pena capital, as desesperadas tentativas de salvarlle a vida realizadas polos seus familiares. A ira, a tristura, o desconsolo que aqueles feitos provocaron, son sucesos e sentimentos que outorgan unha brutal entidade ao destino dun home enfrontado con plena conciencia á súa propia morte. Desde que escoitei de boca do meu curmán Alfonso Álvarez Gándara - o meu pai era incapaz de trasladarme a ferida lembranza -, cando eu tiña uns catorce ou quince anos, a historia daquel asasinato, o meu avó adquiriu tal grao de verdade da conciencia que ás veces confundo a miña memoria coa dos meus maiores. Creo que eu estaba alí, en Tui, o día 30 de outubro de 1936, ás seis horas e coarenta minutos da mañá, e que puiden escoitar os tiros que lle arrincaron a vida. Alí estivemos, o 30 de outubro de 1976, fronte ao muro da execución onde aínda se conservaban os orificios das balas, un nutrido grupo familiar e de amigos para lembrar o doutor Darío Álvarez Limeses e os seus compañeiros de morte, Alejo Diz Jurado, Manuel Domínguez León, Julio Fernández Fernández, Serafín Fernández Costas e José Felipe Muñoz.

  Estes seis veciños de Tui, encarcerados logo do levantamento fascista de xullo do 36, foron conducidos a Vigo o día 13 de outubro para comparecer en zuizo sumarísimo, acusados do delito de rebelión militar. Actuaba como fiscal o célebre Ramón Rivero de Aguilar, responsábel de centos de asasinatos "legalizados". Destaco da sentenza ditada este parágrafo, revelador do cinismo con que os golpistas conseguiron inverter o rumbo da verdade, aínda hoxe non restituída: "Una de las poblaciones en que tuvo una realidad manifiesta el hecho de la rebelión fue la de Tuy, pues en ella desde el 17 de julio el ex-alcalde y demás dirigentes del Frente Popular, entre los que se encontraban todos los procesados en esta causa, excepción hecha de Alonso Medela, oponiéndose a la efectividad del Gobierno militar y aun al Bando dictado para declarar el estado de sitio el día veinte de julio, se hicieron dueños de la vida pública de la población y su comarca hasta el día veintisiete en que, venciendo las tropas la resistencia que le hacían los rebeldes, lograron ponerlos en fuga, entrando en Tuy y conquistando esta ciudad para la causa de España".

 Acusábase a todos, agás a Medela, militantes comunistas, socialistas e do partido de Izquierda Republicana, de organizar e realizar como dirixentes da Fronte Popular a resistencia tudense contra unha parte do exército levantada en armas. E así foi, efectivamente. Os demócratas de Tui, defensores da República legalmente constituída, defenderon durante varios días a súa cidade do asalto dos fascistas, razón pola que se converteron en vítimas exemplarizantes do programa exterminador e da máis inhumana pulsión de vinganza. A Darío Álvarez Limeses, católico convencido, de espíritu moderado e sereno, afiliado a Izquierda Republicana, atribúeselle na sentenza un "exaltado entusiasmo revolucionario", o que non era certo, aínda que ao seu neto, eu, non lle tería molestado en absoluto tal disposición emotiva e política do avó (...)".

   Pepe Cáccamo, como se lle coñece no ámeto amical e literario afirmou tamén que os sublevados contra o lexítimo goberno da República "(...) invadiron, ocuparon, esmagaron o circundado completo do espazo, a esfera do tempo enteiro. Veigas e quintanas, a casa toda, do soto ao faio, a vida dunha xeración desde os días do asombro sen peso até o cimo da hora derradeira. Abateron portas, bruaron e bradaron, arrastraron os corpos amañecer arriba contra o muro da primeira luz. Déronlle volta á pel e á víscera da historia coma quen obriga o curso do río a regresar á nai. Espreitaron, vixiaron, sinalaron, denunciaron, perseguiron todos os marcados, homes e mulleres que tiñan habitación de seu na casa do pobo e andaban a construir a xeometría da razón. Entre a multitude dos asasinados no mundo incóntabel dos depurados, dos silenciados, dos derrotados, dos desterrados, dos entobados, moitos soñaban unha verdadeira máxima, outros defendían o perímetro da propiedade comunal. Todos vivían na cidade de lei que edificaran xuntos. República. Frente Popular.


  Envisgada nu xurro, a turba invasora chegou desde a beira negra co documento ilegal da propiedade absoluta nunha man. E na outra a semente do terror indescriptíbel, delación e tortura, ameaza e chantaxe, xuizo sumarísimo, desolación, crime de dimensión cósmica (...)".

   Álvarez Cáccamo afirmou igoalmente: "(...) Enzoufaron a paisaxe universal da xustiza. Instauraron  o goberno infinito da mentira. E aínda lle dura o pulso desa gramática. Ainda respiran cos folgos daquel designio devastador. Ainda conservan  fragmentos do símbolo insultante no centro dos frontons vitoriosos, nas paredes da igrexa cómplice, nos rótulos  das rúas oblicuas. Ainda manexan os fíos da semántica adulterada que afortala as certezas da tribo reaccionaria, seduce a tropa acomodaticia e consagra a melodía falsaria da guerra fraticida, a cínica ladaíña da reconciliación como sinónimo de esquecemento, a necia copla negacionista que iguala vítimas verdugos. Do tendencioso licor ideolóxico desa semántica emana o bafo inaceptábel do proxecto de lei da Memoria Histórica presentado polo goberno de España o 28 de xullo de 2006.

  Pero nós temos outra Memoria, arma incruenta de resistencia e avance. Memoria do instante inmenso da despedida, do século mouro de metálica tristura e silencio, do segredo cultivado en leiras clandestinas, da ira latexante e transmitida en herdo de obrigado cumprimento, da c´ronica imparábel da loita antifascista. Temos urxencia  da verdade total, da inadiábel revelación da nómina detallada dos asasinos e da lista completa dos asasinados e represaliados (...)".

  Logo da intervención de Xosé María Álvarez Cáccamo houbo unha tertulia sobor da Memoria Histórica, na participarían varias persoas do público, entre as cales tamén se atopaba outro dos fillos de Xosé María Álvarez Blázquez, o escritor e profesor Alfonso Álvarez Cáccamo.

  Nesa tertulia relembráronse, entre outros, a Brasilino Álvarez Sobrino - derradeiro alcalde republicano de A Guarda -, que sería fusilado polos golpistas na Alameda de Tui; Manuel Noya Gil - predecesor de Brasilino Álvarez, na alcaldía de A Guarda -, que foi vilmente martirizado ata que lle privaron da vida; Hipólito Gallego Camarero, mestre de Forcadela, asasinado en Mondariz o 4 de outubro de 1936, logo de innumerables crueldades físicas ás que foi sometido; Guillermo Vicente Santiago, alcalde republicano de Tui; Josefa García Segret, viuva de Hipólito Gallego Camarero, autora do libro "Abajo las Dictaduras", que foi salvada da pena capital, grazas á axuda de outras presas na cárcere de Tui é a decidida intervención do médico tudense D. Darío Álvarez Limeses, que asinou a certificación de un aborto simulado,...

  Relembráronse feitos e nomes de persoas que foron depuradas, extrañadas, rapadas, torturadas, violadas,..., víctimas de un sistemático plan de exterminio levado a cabo polos sublevados, coa complicidade de organizacións locais afins os golpistas.

   E falouse tamén dos campos de concentración que as tropas franquistas implantaron no vello Colexio dos Xesuitas, na Pasaxe (Camposancos) e no Mosteiro de Santa María de Oia, así como dos fusilamentos habidos - p. e. en Paraños - no termo municipal de A Guarda, en cuxo cemiterio parroquial, unhas lápidas de mármore branco relembran desde o verán de 1986, a algunhas das víctimas que foron enterradas no que eran as taipas do antigo cemiterio.   

  Tamén se mencionou o documental Memorial de Camposancos, de José Ballesta de Diego e Miguel Anxo Yáñez, que de algún xeito reconstrúe a oscura historia do campo de concentración franquista de A Pasaxe (Camposancos), onde segundo referencias de varios autores estímase que foron encarcerados ata 3.000 presos republicanos.

   A estadía de Xosé María Álvarez Cáccamo en A Guarda, remataría coa sinatura de varios exemplares do seu libro "A voz quebrada. Da memoria histórica e o terror fascista", editado polo Instituto de Estudos Miñoranos (IEM), dentro da súa colección Letras da Groba.

Ningún comentario:

Publicar un comentario