15 de xul. de 2014

TOMIÑO

A ÁREA DE MULLER DE ESQUERDA UNIDA CELEBRA UN COLOQUIO SOBRE A CONTRARREFORMA DA LEI DO ABORTO 
 


Esquerda Unida / Tomiño

  O xoves día 17 de xullo, a Área comarcal de Muller de Esquerda Unida celebra ás nove da tarde no Salón de Conferencias do Hotel Nueva Colina de Tomiño, un coloquio sobre a Contrarreforma da Lei de Saúde Sexual e Reproductiva.  

  O acto, que se encadra dentro da campaña que a formación política está a realizar para advertir do recorte de dereitos que esta Contrarreforma supón para mulleres e profesionais, contará coa presencia de Isabel Blanco, xinecológa do servizo Galego de Saúde e Eva Solla, deputada no Parlamento de Galicia por Alternativa Galega de Esquerda.  

  Para Esquerda Unida é intolerable que o Goberno do Estado, responsable do maior recorte de dereitos sociais da Historia recente, incluídos os dereitos da infancia, pretenda lexislar sobre o dereito individual de cada muller a decidir libremente sobre a súa maternidade. 

  "As mulleres - dixo Eva Solla -, "non podemos tolerar esta inxerencia na nosa liberdade. Trátase dunha cuestión de Dereitos Humanos, xa que, coma apunta a Organización Mundial da Saúde, a restricción do acceso ao aborto legal e seguro non reduce o número de abortos, se non que aumenta o número de abortos realizados en condicións inseguras".  

  Esquerda Unida defende a Educación Sexual e a necesidade dun acceso igualitario aos métodos anticonceptivos para todas as mulleres, así coma o libre dereito a un aborto legal e seguro na Sanidade Pública, fora tamén do Código Penal para mulleres e profesionais sanitarios e sanitarias.

Ningún comentario:

Publicar un comentario