FEAFES Galicia reunirá este sábado a 300 persoas en Santiago no VIII campionato de
balompé “Todos polo fútbol”
· Os encontros, nos que participan 8 equipos de
persoas con enfermidade mental, terán lugar no Pavillón de Santa Isabel (Santiago
de Compostela) dende as 10:15 da mañá.
· O obxectivo do encontro é promover o deporte
entre as persoas deste colectivo e fomentar a práctica de ocio normalizado.
Ana Escrigas Rodríguez / Santiago
A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental
de Galicia, FEAFES, celebra este sábado 12 de xullo a final do VIII campionato
de balompé “Todos polo Fútbol”, un encontro deportivo no que participarán dez
equipos de oito asociacións procedentes de toda a comunidade autónoma.
O torneo terá lugar no Pavillón de
Santa Isabel, en Santiago de Compostela, a partir das 10:15 da mañá.
Disputaranse diversos partidos ó longo de toda a xornada ata que estea decidido
quen xogará a final, que terá lugar ás 16:30 da tarde. Finalmente, ás 17:15
realizarase unha entrega de premios ó equipo ganador.
Dende marzo ata xuño, os dez equipos que participan na liga de FEAFES
Galicia enfrontáronse nunha serie de partidos que conclúen nesta final, disputada
con encontros de 30 minutos de duración seguindo o modelo dos play-off. Os
equipos participantes pertencen a oito entidades federadas en FEAFES Galicia:
Alba (Pontevedra), Apem (A Coruña, Cambre e Cee), Doa (Vigo), FEAFES Vigo, Lar
(Vilagarcía), Lenda (Redondela), Morea (O Barco) e Portanova (Narón).
FEAFES Galicia estima que neste evento participarán arredor de 300 persoas
entre participantes e acompañantes, pois trátase dunha actividade que conta
cunha gran participación e interese por parte das asociacións membro.
O evento, organizado polo departamento de Ocio e Deportes de FEAFES Galicia,
ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade
física entre as persoas con enfermidade mental e loitar contra o estigma social
que sofre este colectivo. A través deste torneo, FEAFES Galicia amosa á
sociedade a imaxe máis positiva das persoas con enfermidade mental, loitando de
modo activo contra os estereotipos negativos e os falsos prexuizos que se
asocian a estas persoas.
As actividades organizadas polo servizo de Ocio e Deportes da federación axudan
a mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental e das súas
familias, pois os seus participantes rompen coa rutina diaria, realizan
actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente,
socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro ós
familiares na súa tarefa de coidadores.
FEAFES Galicia, a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade
Mental de Galicia, é una entidade sen ánimo de lucro creada en 1995 que agrupa
actualmente a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega, contando
con centros e servizos en 30 localidades.
O seu obxectivo é mellorar a
calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e a dos seus
familiares. A través dos seus recursos, FEAFES Galicia atende a arredor
de 8.000 persoas. A entidade ofrece unha serie de servizos gratuítos para
mellorar a calidade de vida deste colectivo e defende os seus dereitos e
necesidades. Ademais, asesora e representa ó movemento asociativo e leva a cabo
campañas antiestigma e de sensibilización sobre a enfermidade mental.
Ningún comentario:
Publicar un comentario