O PINTOR CAÍNO VASCONCELLOS EXPÓN NA GALERÍA SARGADELOS
- A exposición pode visitarse ata o 31 de xullo
Ricardo Rodríguez Vicente / Baiona
A Galería Sargadelos - Rúa Carabela A Pinta, nº 5 -, de Baiona, acolle ata o 31 deste mes de xullo, unha nova exposición do pintor Claudio Vasconcellos Cabral (Caíno).
Desde súa vivenda estudo sita no Barrio do Laureiral, o pintor baionés ten creado todo un mundo de persoaxes vencellados á súa querida Baiona, a Ría, e tamén os seus recunchos máis tradicionais.
Caíno é un artista con unha especial sensibilidade. Nos seus cadros dánse á mán ás mulleres da ribeira, os picariños e os vellos lobos do mar. Como nunha exaltación do traballo dos mariñeiros, complementado polas súas nais, irmás ou esposas. E como non todo vai ser traballo, hai coloristas evocacións ás romarías tradicionais como á de Santa Marta, ou o de San Cosme e San Damián. Asemade, nas súas obras reflíctense tamén os días grandes de festa e as verbenas. Ademais de todo iso, o universo pictórico de Caíno, ten un evidente vencello coa figura humana, amosándonos mulleres espidas, de unha persoalidade moi súa, de probable inspiración románica, que tal vez teña súa raigame nos canzorros historiados da Igrexa Ex-Colexiata de Santa María de Baiona.
Caíno e un pintor de longa traxectoria artística, que traballa de xeito continuado, sen presa, mais sen pausa. Nunha adicación cotiá, porque esa é a actividade que lle satisface e coa cal expresa como él sabe, toda esa creatividade interior que leva no seu maxín.
Na obra máis recente de Caíno está condensado todo o seu mundo. Un microcosmos onde soa unha sinfonía musical con acordes de rabeis, zanfonas, fídulas, gaitas de fol, frautas, albogues,..., e onde á poesía exprésase nas facianas das mulleres, homes e nenos que ateigan de vida os cadros deste artista miñorán.
A exposición pode visitarse nos seguintes horarios: De luns á sábados, de 10:00 á 13:30 e de 17:00 á 21:00 horas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario