Organizado pola Asociación Galega de Xestores Deportivos e co patrocinio da
Deputación, contará con máis dun cento de participantes
PONTEVEDRA
CONVERTERASE O 5 DE ABRIL NA “CAPITAL DA XESTIÓN DEPORTIVA” CO V CONGRESO
GALEGO E A REUNIÓN DA FEDERACIÓN NACIONAL DE XESTORES DEPORTIVOS
·
Os actos celebraranse no Salón de Actos da Facultade de
Ciencias da Educación e o Deporte
·
A Deputación comezará a partir de setembro unha nova
edición dos cursos de Xestión Deportiva
Pontevedra converterase o 5 de abril na “capital de España da Xestión
Deportiva”, xa que será sede do V Congreso Galego desta especialidade e da
reunión da Xunta Directiva da Federación de Asociacións de Xestores do Deporte
de España (FAGDE). Así o anunciaron esta mañá en rolda de prensa as deputadas Begoña
Estévez e Ana Isabel Vázquez e o presidente da Asociación Galega de Xestores
Deportivos (AGAXEDE), Eduardo Blanco.
Tanto as deputadas como o propio Blanco destacaron o peso que o deporte ten
na provincia e o papel preponderante que está a desenvolver a Deputación, tanto
no apoio aos clubs e deportistas, como no fomento do deporte de base e, desde o
pasado ano, tamén na formación dos directivos e dos que teñen responsabilidades
na xestión do deporte.
Neste sentido, a deputada responsable de deportes, Begoña Estévez, subliñou
que o Congreso Galego de Xestión Deportiva que se vai celebrar por primeira vez
na provincia de Pontevedra e que conta co apoio da Administración provincial é
un paso máis na aposta que esta institución está a facer pola formación en
materia de deporte.
Destacou así que, tras o éxito das seis edicións dos cursos de xestión
deportiva que se levaron a cabo en 2013, a Deputación porá en marcha unha nova
fase a partir de setembro, con novos contidos para completar a formación que xa
se lle deu o pasado ano aos xestores de clubs.
Recoñecemento
Pola súa banda, o presidente da Asociación Galega de Xestores Deportivos
subliñou os méritos da Deputación no que se refire ao apoio á actividade
deportiva e lembrou que a propia asociación propuxo a esta institución o pasado
ano aos premios Galicia á Xestión Deportiva.
Un premio que lle foi concedido tendo en conta “que esta institución
destaca na oferta deportiva, e nunha oferta deportiva pensada, ademais, desde a
universalización”. Por iso, consideraron necesario traer tamén a esta provincia
o Congreso Galego de Xestión Deportiva, no que, segundo subliñou Blanco, se
darán cita uns 100 participantes procedentes tanto de Galicia como doutras
partes de España.
O Congreso desenvolverase no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da
Educación e o Deporte de Pontevedra en el abordaranse aspectos como os contidos
da futura Lei Galega de Espectáculos Públicos; os efectos da reforma da
administración local sobre a xestión municipal no ámbito do deporte; ou a aplicación
de normas de calidade nos proxectos deportivos. Así mesmo, presentarase unha
comunicación sobre a creación de empresas de adestramento persoal e outra sobre
a nova normativa de criterios técnico-sanitarios das piscinas.
Ademais, trala clausura do congreso terá lugar a reunión da Xunta Directiva
da FAGDE, que reúne a numerosos xestores públicos e privados de toda España,
encabezados polo seu presidente, Luis Solar, que na actualidade é director do
servizo municipal de deportes de Bilbao.
Ningún comentario:
Publicar un comentario