9 de out. de 2013

A CAÑIZA

A DEPUTACIÓN ADXUDICA AS OBRAS DE REFORMA DA CASA DE CULTURA DA CAÑIZA, CUN ORZAMENTO DE 83.000 EUROS
As obras serán executadas pola empresa Rafer e incluirán o acondicionamento da piscina

A Deputación provincial de Pontevedra vén de adxudicar á empresa Rafer os traballos de reforma da casa de cultura e de acondicionamento da piscina situadas a carón da estrada N-120.
Os traballos, que contan cun orzamento de 83.028 euros, permitirán corrixir as deficiencias que presenta na actualidade a casa de cultura, substituíndo o piso de madeira do salón de actos, onde tamén se instalará un friso de madeira maciza en todo o perímetro, se tapizarán as butacas actualmente deterioradas e se dotará o escenario dunha moqueta para a súa utilización cando sexa necesario.
Así mesmo, e co obxectivo de mellorar a sonoridade e a iluminación do centro, dotarase a Casa de Cultura dunha nova mesa de son, micrófonos inalámbricos e un atril con micrófono incorporado.
Ademais, substituiranse os elementos de iluminación deteriorados e procederase ao pintado de áreas do edificio que actualmente presentan desperfectos e substituiranse as pedras situadas no acceso ao inmoble que se atopan rotas.
Instalación solar na piscina
En canto ás obras na piscina, incluirán a adecuación da instalación solar para garantir o seu correcto funcionamento, a substitución das portas actuais por outras de aluminio, e a reparación de diversos elementos de fontanería deteriorados nos baños.
A maiores, procederase á eliminación de humidades e ao pintado das zonas afectadas por estas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario