11 de abr. de 2013

BAIXO MIÑO


A PLATAFORMA PREFERENTES E SUBORDINADAS DO BAIXO MIÑO ESIXE AOS DEPUTADOS/AS GALEGOS DO PP NO CONGRESO QUE VOTEN EN CONTRA DO DECRETO QUE CONSUMA O ROUBO AOS AFORRADORES GALEGOS

Baixo Miño, 11 de abril de 2012.- A Plataforma Preferentes e subordinadas do Baixo Miño EMPRAZA AOS 15 DEPUTADOS E DEPUTADAS DO PP QUE ESTÁN NO CONGRESO EN REPRESENTACIÓN DE GALIZA para que na sesión que se vai celebrar hoxe xoves, día 11 de abril no Congreso dos Deputados VOTEN NON A CONVALIDACIÓN EN LEI DO REAL DECRETO LEI 6/2013, de 22 de marzo.

Este Real Decreto Lei autorizou ao FROB para que lle impoña aos aforros dos miles de persoas galegas estafadas por Novagalicia Banco, con participacións preferentes e obrigas subordinadas, unha quita do 43% en Preferentes, do 41% e Subordinadas perpetuas e do 22% en Subordinadas con vencemento de media. O resto do capital será canxeado por accións non cotizábeis de NGB que poden acabar non valendo nada ou case nada como sucede xa noutros casos similares.

Naqueles casos moi xustificados por razóns económicas ou persoais, poderán acordar darlles liquidez a estas accións pero facéndonos outra nova quita, que no caso das preferentes e subordinadas perpetuas estará arredor do 20%, e no das subordinadas con vencemento co desconto dun 1,5% por mes desde o mes de decembro de 2012 até a data de vencemento. Podería darse o caso de que as que vencen en 2019 e 2020, seguindo esta operación, non recuperarían nada senón que quedarían debedores co banco.   

Para  a Plataforma do Baixo Miño este é un roubo con todas as da Lei, promovido por Novagalicia banco, impulsado polo goberno do PP en Madrid, legalizado no Parlamento español pola maioría absoluta do PP e executado polo FROB (dono do 100% de NGB), dirixido por un amigo do actual Ministro de Economía, De Guindos.

Os 15 Deputados/as do PP en Madrid, que xa avalaron en novembro pasado a Lei 9/2012, que ampara e legaliza a estafa, teñen unha última oportunidade para demostrar a quen representan e que intereses defenden no Congreso dos Deputados. O seu voto a favor pode ser decisivo para que se consuma o roubo de miles de galegos e galegas. Polo contrario, o seu voto en contra, impediría que esta estafa e roubo siga adiante e obrigaría ao Goberno do Estado a tomar as medidas oportunas para devolver os seus aforros as máis de 60.000 persoas afectadas que aínda non ós recuperaron.

As Plataformas de Afectados/as esiximos que remate xa esta infamia con miles de persoas aforradoras galegas.

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario