14 de dec. de 2012

O ROSAL


AYMERICH VISITA AOS AFECTADOS POLAS PREFERENTES PECHADOS NO CONCELLO DO ROSAL E COMPROMÉTESE A SEGUIR RECLAMANDO NO PARLAMENTO A DEVOLUCIÓN DA TOTALIDADE DOS CARTOS ÁS PERSOAS ESTAFADAS
 
O viceportavoz do G.P. do BNG rexistra unha proposición non de lei reclamando que se manteña a vía da arbitraxe para quen a solicite e que se impugne o Plan de Reestructuración de NovaGalicia banco
  
Infogauda / O Rosal

O Bloque Nacionalista Galego, a través do seu viceportavoz, Carlos Aymerich, continúa o seu traballo do lado do colectivo de afectados pola estafa das preferentes e trasladará ao Parlamento as súas principais demandas, nomeadamente manter a vía da arbitraxe para quen a solicite e impugnar os planes de reestructuración de NovaGalicia Banco aprobados polo Banco de España e a Comisión Europea.

Logo da visita hai uns días da deputada Carme Adán ao Rosal, hoxe Aymerich tamén  se desprazou até o concello para acompañar ás persoas pechadas no salón de plenos, que reclaman unha rápida solución aos seus casos e poder recuperar os cartos investidos.

O viceportavoz parlamentar amosou a súa solidariedade con estas persoas e cos demais afectados, que tamén se están a mobilizar noutras zonas de Galicia, como en Cangas, e comprometeuse a seguir teimando no Parlamento para que se faga xustiza e se resolva unha situación que non crearon eles, senón da que son víctimas.

Neste sentido, Aymerich informou sobre unha proposición non de lei coa que insta ao Goberno a asegurar, con todos os medios ao seu alcance, a devolución aos afectados polas preferentes, subordenadas e outros híbridos financeiros da totalidade dos cartos que lles foron estafados.

Asemade, a iniciativa do BNG tamén propón que se impugne a Lei 9/2012 de reestructuración de entidades de crédito e os Planos recién aprobados polo Banco de España e a Comisión Europea, en defensa das competencias e dos intereses dos aforradores.

O deputado nacionalista lembra que estos Planos confirman os piores prognósticos do Memorandum asinado polo goberno español coa troika o pasado mes de xullo e confirma tamén que a Xunta desiste de aplicar as súas competencias para resolver o problema do único xeito posíbel, a través da devolución dos cartos.

Personarse no proceso aberto através da demanda presentada pola Fiscalía e perseguir penalmente aos responsábeis da estafa son outras das demandas do BNG recollidas no texto da iniciativa.

Esta non é a primeira vez que o grupo nacionalista leva á Cámara as demandas deste colectivo, “e seguirá sendo un asunto prioritario da nosa axenda de traballo mentres non chegue a solución acaída para os milleiros de galegos e galegas perxudicados pola estafa”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario